Conseguen que polbos reproducidos en cautividade poñan ovos

Conseguen que polbos reproducidos en cautividade poñan ovos
Conseguen que polbos reproducidos en cautividade poñan ovos

Un dos 50 polbos nados en cautividade en 2018 realizou xa unha posta de ovos, aos que estará a coidar ata aproximadamente dentro dun mes, cando eclosionarán e nacerán as larvas

Investigadores do grupo Nova Pescanova e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) conseguiron pechar o ciclo de reprodución do polbo en acuicultura mediante a supervivencia de exemplares nados en cautividade e que estes, á súa vez, empecen a poñer ovos, informou a multinacional nunha nota.

Un dos 50 polbos nados en cautividade en 2018 realizou xa unha posta de ovos, aos que estará a coidar ata aproximadamente dentro dun mes, cando eclosionarán e nacerán as larvas, informa nun comunicado Nova Pescanova, que prevé comezar a comercializar este cefalópodo de acuicultura a partir de 2023.

Os investigadores de Pescanova están a traballar con 50 exemplares da variedade polbo común ( octopus vulgaris), a máis consumida en España e que habita, sobre todo, no océano Atlántico, o mar Mediterráneo e na zona de Mauritania.

A investigación partiu do Instituto Español de Oceanografía, que logrou a supervivencia de exemplares xuvenís nacidos en acuicultura e, tras chegar a un acordo en exclusiva sobre a patente, Pescanova avanzou coa investigación nas súas instalacións.

Os polbos, dos que a metade son femias, alcanzaron a idade adulta e un deles realizou xa unha posta de ovos.

Segundo o investigador de cefalópodos de Pescanova Ricardo Tur o polbo require unhas condicións mariñas moi específicas para o seu desenvolvemento, como a dispoñibilidade de alimento e factores oceanográficos óptimos relacionados coa temperatura, a salinidade, as correntes oceánicas e o benestar do animal.

De feito, a taxa de supervivencia dun polbo salvaxe é do 0,0001 %, mentres que, cos resultados que está a obter Pescanova ata o momento, esta cifra estímase que se elevará ao 50 % en acuicultura.

O cultivo de polbos será unha das principais liñas de estudo que realizará o Pescanova Biomarine Center, un dos centros de I+D+i que abrirá as súas portas no Grove (Pontevedra) en 2020.


Segundo o director xeral de Pescanova Biomarine Center, David Chavarrías, a FAO estima que actualmente o 50 % do peixe que se consome no mundo provén da acuicultura, e prevese que a cifra ascenda ao 66 % en 2030.


Comentarios
Lo más