Rexeitan que Fomento sexa incorporado na demanda polo cobro abusivo das peaxes en Rande

Rexeitan que Fomento sexa incorporado na demanda polo cobro abusivo das peaxes en Rande
Rexeitan que Fomento sexa incorporado na demanda polo cobro abusivo das peaxes en Rande

Audasa esixiu o chamamento ao proceso da entidade pública ao considerar que se vería “directamente afectada por unha eventual sentenza que acollese as pretensións da Fiscalía"

Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra rexeitou a solicitude da concesionaria da AP-9, Audasa, para que incorporase como parte demandada o Ministerio de Fomento no procedemento aberto por mor da demanda presentada pola Fiscalía contra a empresa por cobrar as peaxes íntegras durante as obras de ampliación da autoestrada na contorna da ponte de Rande, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018. Audasa esixiu o chamamento ao proceso da entidade pública ao considerar que se vería “directamente afectada por unha eventual sentenza que acollese as pretensións da Fiscalía”.

O xuíz salienta no auto que o caso iniciado é “totalmente independente das condicións da concesión administrativa da autoestrada, do sistema legal de fixación de peaxes ou das potestades administrativas do Ministerio de Fomento”, pois do que se trata é “de avaliar a oportunidade de cobrar aos usuarios da AP-9 a totalidade da peaxe legalmente fixada, a pesar de que, debido a unhas obras, supostamente non se lles estaban prestando os servizos propios dunha autoestrada”.

“Trátase simplemente da relación comercial entre a concesionaria, Audasa, e os seus clientes, na que o Ministerio non ten máis interese que o abstracto que poida ter calquera autoridade en que os servizos públicos funcionen correctamente”, asegura o maxistrado. O titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra sinala que a actividade de explotación da AP-9 que realiza Audasa é “de carácter meramente comercial”, polo que as relacións que establece cos seus usuarios son “de carácter estritamente privado”.

Por iso, conclúe que “calquera proceso no que se discuta sobre os avatares desas relacións está perfectamente constituído coa soa intervención de Audasa e os usuarios ou as entidades que poidan actuar defendendo os seus dereitos”. Ademais, o xuíz indica no auto que a pretensión da concesionaria tamén debe ser rexeitada “por unha cuestión esencialmente procesual”. Así, destaca que Audasa “non foi capaz de mencionar nun escrito de 17 páxinas que norma a habilita para instar a intervención provocada dun terceiro no proceso”.

Comentarios