O tempo medio de espera para unha cirurxía no SERGAS baixa a 56,4 días

O tempo medio de espera para unha cirurxía no SERGAS baixa a 56,4 días
O tempo medio de espera para unha cirurxía no SERGAS baixa a 56,4 días

A espera media para primeiras consultas mantense por debaixo dos 38 días e nas probas diagnósticas é inferior aos 60 días

O tempo medio de espera cirúrxica global do Servizo Galego de Saúde entre xaneiro e xuño deste ano foi de 56,4 días, 3,4 días menos que no mesmo período do ano anterior (que foi de 59,8 días). Con este dato non só se consolida a tendencia do ano pasado, na que Galicia situouse por primeira vez por debaixo dos 60 días, senón que é a mellor cifra dende que existe rexistro de listas de espera. Nos últimos cincos anos, a redución no tempo medio de espera foi de case 30 días. Así o reflicte o balance de tempo medio de espera no Sergas referido ao primeiro semestre de 2019 presentado hoxe polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa.

Estes datos sitúan a Galicia como unha das comunidades con mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde, unha tendencia que xa se vén manifestando nos últimos anos, con cifras de tempo de espera media cirúrxica moi por debaixo da media estatal. Neste senso, os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade para o mesmo período, os correspondente a 30 de xuño de 2018, sitúan a espera media cirúrxica en España en 93 días, é dicir, 36,6 días máis que a media galega. Mentres que o tempo medio de espera para primeiras consultas no SNS é de 57 días, 19,2 días máis que a media na comunidade galega.

No que atinxe ás primeiras consultas de enfermidade, o tempo medio de espera consolídase por debaixo dos 40 días. En concreto, a 30 de xuño deste ano, situouse en 37,6 días. E o tempo de espera media para as probas diagnósticas mantense en 59,1 días (igual ao mesmo período de 2018 e 10 días menos con respecto ao primeiro semestre de 2017).

Con respecto ás vías rápidas, o Sergas segue a traballar na súa implantación e desenvolvemento para dar unha resposta aos pacientes de acordo ás súas necesidades, xa que están orientadas a procesos que requiran unha intervención rápida por motivos de gravidade do doente. Neste primeiro semestre de 2019, beneficiáronse deste procedemento un total de 8.703 pacientes e tiveron unha espera media de 5,9 días. Actualmente están implantas en todas as EOXIs as vías rápidas para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cabeza e colo, melanoma e hematolóxico.

O Sergas continúa cumprindo o compromiso de atender as patoloxías máis graves (prioridade 1) por debaixo dos 30 días. Así, neste período xaneiro-xuño de 2019, estes pacientes de prioridade 1 agardaron unha media de 16 días. 

Comentarios
Lo más