Os centros de investigación da USC entregaron as credenciais aos 40 bolseiros do programa de Bolsas de Verán

Os centros de investigación da USC entregaron as credenciais aos 40 bolseiros do programa de Bolsas de Verán
Os centros de investigación da USC entregaron as credenciais aos 40 bolseiros do programa de Bolsas de Verán

O alumnado seleccionado desenvolve estadías no CiQUS, CiMUS e CiTIUS

Os mellores expedientes de distintas titulacións asociadas ás Ciencias da Vida (Química, Bioloxía, Farmacia ou Medicina…) e carreiras científico-técnicas (Informática, Física, Matemáticas ou distintas enxeñerías) chegaron a principios deste mes de xullo a Santiago de Compostela para participar na V Edición do Programa de Bolsas de Verán de CiQUS, CiMUS e CiTIUS. Os estudantes, procedentes de numerosas universidades de distintos puntos de España, foron seleccionados tras un exhaustivo período de selección realizado polo persoal da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC (RCSI), no que tivo un especial protagonismo a excelencia académica das candidaturas presentadas. 

Co obxectivo de visibilizar a importancia deste programa de captación de talento, e en recoñecemento á valía dos estudantes seleccionados, os centros singulares celebraron este venres 19 o acto de entrega de acreditacións aos beneficiarios das 40 novas bolsas concedidas na edición de 2019, que por primeira vez contan este ano co apoio do Banco Santander a través do seu programa de responsabilidade social corporativa ‘Santander Universidades’. 

Ao acto, presidido polo reitor Antonio López, acudiron o secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro; a directora territorial de Banco Santander, Charo García Alonso; os vicerreitores de Planificación, Gumersindo Feijoo, e de Investigación, Vicente Pérez; e a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella; ademais dos directores de CiQUS, CiMUS e CiTIUS. Para Senén Barro, director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes –centro anfitrión do encontro-, “este é un verdadeiro programa de xeración de novo talento en ciencia e tecnoloxía, xa que pon a intelixencia destes mozos e os seus titores ao servizo dun proxecto de iniciación á investigación, que une a formación co estímulo de vocacións temperás”. 

O compromiso da entidade financeira quedou patente coa presenza na entrega de ata sete representantes da organización. En palabras da súa directora territorial, Charo García Alonso, “encontros como o de hoxe simbolizan a colaboración que fomos forxando ambas as institucións desde hai 20 anos, e que nos permite expresar publicamente o noso recoñecemento ao mérito, o noso apoio á investigación, a transferencia do coñecemento, a innovación e a calidade e o noso compromiso institucional coa educación superior, especialmente hoxe coa Universidade de Santiago”. 

O Programa de Bolsas de Verán dos Centros Singulares está financiado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dá Xunta de Galicia e o programa ‘Santander Universidades’.

Comentarios
Lo más