Morre un motorista e resultan feridas catro persoas nun accidente de tráfico

Morre un motorista e resultan feridas catro persoas nun accidente de tráfico
Morre un motorista e resultan feridas catro persoas nun accidente de tráfico

Este é o balance nas estradas durante a noite, que comezou ás 22:00 horas de onte cun accidente mortal na PO-404, ao paso por Salvaterra

Un motorista faleceu e outras catro persoas resultaron feridas, unha delas grave, a causa de senllos accidentes rexistrados en Salvaterra e Vigo.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, este é o balance nas estradas durante a noite, que comezou ás 22:00 horas de onte cun accidente mortal na PO-404, ao paso por Salvaterra.

Efectivamente, na estrada que une a localidade pontevedresa coa veciña Salceda, na parroquia de Cabreira, rexistrouse unha colisión entre un turismo e unha moto que acabou coa vida do motorista. Foi a única vítima dun sinistro no que, ademais dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, interviñeron os Bombeiros do Baixo Miño ante a posibilidade de que o falecido estivese ademais atrapado. Finalmente, comprobaron que o home estaba liberado e accesible e, por tanto, decartaron a súa actuación. 

Igualmente, desde o 112 Galicia, informouse da situación aos Bombeiros de Ponteareas e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

CATRO FERIDOS EN VIGO

Máis tarde, pasada a medianoite, en Vigo, outra chamada dun particular activara a alerta no 112 Galicia por mor doutro accidente de tráfico no que houbo tres vehículos implicados e resultaron feridas catro persoas, das cales unha foi evacuada en estado grave. Os outros tres afectados, tamén foron trasladados ao hospital de referencia, sen embargo, as súas lesións eran de menor importancia.

A colisión produciuse na Avenida da Florida e, malia a que as testemuñas do accidente aseguraban que había tres vehículos implicados, no lugar só permanecían dous, polo que, todo apunta a que o terceiro continuou a marcha. Así o comprobaron os axentes da Policía Local, que acudiron ao punto tras a alerta do 112.

Tamén tiveron que intervir os bombeiros da cidade para liberar a un dos feridos que estaba atrapado no interior dun dos coches accidentados. Tal e como apuntaron as testemuñas, un dos turismos puido envorcar a causa do impacto.

Comentarios
Lo más