A Xunta da a coñecer os nombres dos 40 creadores emerxentes que participan no encontro de artistas do Gaiás

A Xunta da a coñecer os nombres dos 40 creadores emerxentes que participan no encontro de artistas do Gaiás
A Xunta da a coñecer os nombres dos 40 creadores emerxentes que participan no encontro de artistas do Gaiás

Presentarán o seu proxecto creativo durante unha residencia artística na Cidade da Cultura, optando ademais a realizar unha intervención nas Torres Hejduk 

A Cidade da Cultura deu a coñecer a semana pasada os nomes dos 40 creadores emerxentes que foron seleccionados para participar no seu IX Encontro de Artistas Novos #EAN9. Nesta residencia artística no Gaiás –que terá lugar entre o 25 e o 29 de agosto– poderán dar a coñecer o seu proxecto creativo, así como intercambiar experiencias profesionais con outros artistas emerxentes e consolidados, comisarios ou prensa especializada.

Impulsado pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, o EAN promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento consolidándose ano a ano como un dos principais foros de apoio a artistas emerxentes. Nas pasadas oito edicións presentaron os seus traballos no EAN preto de 600 creadores, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte. 

O xurado do #EAN9, dirixido por Rafael Doctor, destacou a elevada calidade e variedade dos proxectos presentados nesta novena edición. A selección final de participantes –a metade dos cales proceden de Galicia– pode consultarse xa no web www.cidadedacultura.gal. Tal e como se indica nas bases, as persoas candidatas deberán confirmar a súa praza antes do 25 de xullo.

FORO DE CREACIÓN CONTEMPORÁNEA

O programa do IX Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as 40 participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. 

Ademais terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por creadores de recoñecido prestixio. 

Así, nesta edición participarán a artista visual Pilar Albarracín (Sevilla, 1968), coñecida polas súas performances, vídeo-arte, debuxos, fotografía e instalacións interactivas; as fotógrafas e fotoxornalistas galegas Lua Ribeira (As Pontes, 1986) –que en 2018 entrou na Axencia Magnum como membro nominado– e Bandía Ribeira (As Pontes, 1980) –participando na actualidade nun proxecto visual sobre a produción intensiva de vexetais nos invernadoiros de Almería–; e o comisario e artista audiovisual Nicolás Combarro (A Coruña, 1979), director, entre outras, da premiada longametraxe documental Alberto García-Alix. La línea de sombra. Súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.

Comentarios
Lo más