O campamento urbano de Ames baixo unha noite de estrelas

O campamento urbano de Ames baixo unha noite de estrelas
O campamento urbano de Ames baixo unha noite de estrelas

Esta iniciativa, organizada polo equipo da Aula da Natureza, conta coa colaboración da OMIX de Ames a través do programa de voluntariado xuvenil

Unha trintena de rapaces e rapazas participan no campamento urbano de Ames, que se desenvolveu nas instalacións da Aula da Natureza ata o pasado sábado, 20 de xullo. Esta iniciativa, organizada polo equipo da Aula da Natureza, conta coa colaboración da OMIX de Ames a través do programa de voluntariado xuvenil. Ao longo de dúas semanas, un total de trinta e dous nenos e nenas participaron en numerosos xogos e actividades enfocadas a fomentar o traballo en equipo, a cooperación e a solidariedade como grupo. Este campamento despídese esta noite cunha acampada no xardín da Aula, na que os participantes realizarán un xogo nocturno e coñecerán de preto as estrelas.

A partir do luns 8 de xullo, un total de trinta nenos e nenas de 6 a 14 anos están a participar no campamento urbano da Aula da Natureza. Durante dúas semanas, os participantes tomaron parte en diversas actividades e xogos destinados a fomentar entre o traballo en equipo e valores como a amizade, a cooperación e a tolerancia. Asemade, realizaronse distintos exercicios enfocados a que a rapazada deixase fluír a súa creatividade a través das cousas que máis lles gustasen. Neste senso, celebrouse unha demostración de talentos, que os rapaces prepararon durante días para mostrarlles ás compañeiras actuacións baseadas nos gustos de cada un deles, como o canto, o baile, ou a maxia, entre outros.

Por outra banda, este xoves tamén se desenvolveu un concurso de cociña, para o que os cativos/as se dividiron en cinco grupos. O obxectivo do certame foi o de deseñar e elaborar un total de cinco sándwichs saudables botando man dos alimentos dispoñibles que cada equipo considerou oportuno. O xurado estivo formado polo alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Turismo, Manuel Lens.

Ademais, ao longo das semanas, os rapaces e rapazas xogaron ao brilé, realizaron diversas xincanas e elaboraron manualidades a partir de material reciclado. Tamén estiveron en permanente contacto coa natureza a través de camiñatas pola ruta do cabaliño do demo, onde puideron repasar e descubrir novas cousas sobre a flora e a fauna que se foron atopando durante os paseos.

Para rematar a aventura, esta noite as e os participantes acamparon no xardín da Aula da Natureza, na Ameixenda. Alí realizaron unha cena en grupo e tomaron parte nun xogo nocturno baixo as estrelas cheo de sorpresas. A mañá do sábado almorzaron todos xuntos antes de volver a casa. Cabe destacar que durante as dúas semanas de diversión, os cativos e cativas estiveron acompañados polas responsables da Aula da Natureza, e por un total de oito mozos do programa de voluntariado xuvenil da OMIX.

Comentarios