A asociación Rutasapie organiza unha saída de catro días aos Picos de Europa

A asociación Rutasapie organiza unha saída de catro días aos Picos de Europa
A asociación Rutasapie organiza unha saída de catro días aos Picos de Europa

A asociación deportiva Rutasapie organiza para a próxima fin de semana, do 25 ao 28 de xullo, unhas rutas de sendeirismo polos Picos de Europa

A asociación deportiva Rutasapie organiza para a próxima fin de semana, do 25 ao 28 de xullo, unhas rutas de sendeirismo polos Picos de Europa. A actividade divídese en catro xornadas nas que os asistentes poderán percorrer e gozar de diferentes paraxes como La Hermida, Sierra de Bejes, Tresviso, o canal do río Urdón, Sotres, Urriellu, Cabrones ou Poncebos. Serán catro andainas de dificultade moderada, cun prezo de 247 euros para persoas non federadas, e de 235 euros para as que si o están. A viaxe inclúe aloxamento con cea e almorzo. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com.

Aproveitando a festividade do Día de Galicia, a asociación deportiva Rutasapie organiza unha saída de catro días polos Picos de Europa. As andainas comezarán o día 25. Ese día, un bus sairá da Estación de Autobuses de Santiago ás 06:00 horas, pasando pola Estación de Tren ás 06:05 horas e ás 06:15 horas polo parking de Santa Marta. Ese mesmo día desenvolverase a primeira ruta, con dúas opcións a elixir: unha ruta circular pola Sierra de Bejes ou a Ferrata La Hermida. 

A ruta circular La Hermida-Canal de Osina-Sierra de Bejes-Canal de Pebe-La Hermida conta cunha distancia de 11,66 kilómetros e un desnivel de 937 metros. Os asistentes percorrerán as agrestes paraxes da Hermida e a Sierra de Bejes, ascendendo polo Canal de Osina, con vistas ao rio Urdón e á Senda de la Peña. Pola súa banda, a Ferrata de la Hermida ten unha duracion de 3-4 horas, cunha distancia de 5,5 kilómetros. Realizarase en tres treitos: las Tiesas, Canelaria y Canelaria II, respectivamente. A ruta inclúe un paso pola Cueva del Javali, a Cueva del Diosu e a ponte de Canelaria. O custe da Ferrata é de 45 euros e inclúe guía, equipamento e seguro.

O venres, día 26, está prevista a realización da ruta La Hermida a Urdón, de 15,28 kilómetros e un desnivel de 976 metros. A ruta parte dende unha cañada situada en pleno centro do Desfiladero de la Hermida, dando acceso ao que se coñece como Tornos, unha obra de enxeñería coñecida como a Senda de la Peña, realizada para transportar mineral de cinc, blenda e calamina extraído nas minas de Ándara cara o río Deba a través do desfiladero da Hermida cara o mar. Dende Tresviso continuarase cara o nacemento do río Urdón e a ponte da Barciana.

FIN DE SEMANA

O sábado, 27 de xullo, realizarase unha nova ruta, desta volta dende Pandebano a Cabrones. A andaina conta cunha lonxitude de 10,19 kilómetros e un desnivel de 1.299 metros. Iniciarase a subida en dirección ao refuxio da Terenosa, camiño en ascenso ata un primeiro collado con vistas ao Urriellu. Posteriormente pasarase pola explanada coñecida como Cueva del Vallejo e, a continuación, atravesarase o Canal de la Celada para chegar ao refuxio Delgado Úbeda, ao pe do Naranjo de Bulnes. A ruta continuará en dirección á brecha dos cazadores.

Por último, o domingo día 28 completaranse as andainas cunha ruta entre Cabrones e Poncebos, de 10,6 kilómetros e un desnivel de baixada de case 2.000 metros. Con saída dende o refuxio iníciase a ruta en ascenso para, posteriormente, baixar pola vertixinosa costa do Travel, onde os asistentes axudaranse das cordas existentes. Despois chegarase á Majada de Amuesa e descenderase pola canle do mesmo nome. O Canal del Texu situará aos participantes no sue estremo final na ponte da Jaya, no propio río Cares á súa chegada a Poncebos, onde finalizará a ruta.

A realización das rutas conta cun prezo de 247 euros para persoas non federadas, e de 235 euros para as que si o están. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com. A saída será o xoves, día 25 de xullo, con saída en bus da Estación de Autobuses de Santiago ás 06:00 horas, pasando pola Estación de Tren ás 06:05 horas e o parking de Santa Marta ás 06:15 horas.

Comentarios