Miñones visitou as obras de pavimentación de Quistiláns no que se investiron preto de 100.000 euros

Miñones visitou as obras de pavimentación de Quistiláns no que se investiron preto de 100.000 euros
Miñones visitou as obras de pavimentación de Quistiláns no que se investiron preto de 100.000 euros

A través destes traballos mellorouse o estado actual dos viarios e creouse unha senda peonil, reforzando a seguridade dos usuarios e usuarias

O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, visitaron o pasado venres as obras do camiño de Quistiláns ao cemiterio e dos viarios do núcleo de Quistiláns. Durante a visita estiveron acompañados por representantes da empresa que realizou os traballos, Martínez Montes e Hijos SL, o director da obra, veciños e veciñas de Quistiláns e integrantes da Asociación de Veciños de Bugallido. As obras foron adxudicadas no mes de marzo por un importe de 98.494 euros e están incluídas no Plan Complementario do POS+ 2018 da Deputación da Coruña. A través destes traballos mellorouse o estado actual dos viarios e creouse unha senda peonil, reforzando a seguridade dos usuarios e usuarias.

O obxecto do proxecto foi a pavimentación dos viarios do núcleo de Quistiláns e, ademais, a mellora e pavimentación do camiño que une Quistiláns co cemiterio, ambas actuacións localizadas na parroquia de Bugallido. Por elo, as obras que se realizaron no camiño de Quistiláns ao cemiterio executáronse en tres treitos de 140x5, 460x4 e 200x5 metros, e consistiron na mellora da capa de rodaxe con cinco centímetros de aglomerado en quente. Antes, realizouse a reparación das fochancas e perfilado de mordentes, así como o emprego de quince centímetros de zahorra, quince de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación do ancho da superficie pavimentada en 0,5 metros a cada lado, dentro da plataforma actual do camiño (no treito de 460 metros de lonxitude).

Ademais, pavimentáronse dous treitos de 45x3 e 15x5 metros con dez centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma. Tamén se realizou a execución dun total de 685 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro e 21 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado da mesma.

Para finalizar as obras do camiño, procedeuse á limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante. Tamén se procedeu ao asfaltado dos viarios do núcleo de Quintiláns que, divididos en dous treitos de 60x5 e 110x3,5 metros, foron pavimentados con cinco centímetros de zahorra e doce de formigón, ademais de incluír mallazo e xuntas de dilatación.

O alcalde de Ames, José Miñones, amosou a súa satisfacción ao concluir unha obra “moi demandada pola veciñanza e que hoxe nos traladou o seu agradecemento por ter cumplido a promesa de realizar esta mellora . Alégrame moito xa non so o novo asfaltado, senón tamén a senda peonil, que é o que queremos ir incorporando en todas as parroquias para que a xente poda camiñar con seguridade”. Na mesma liña se manifestou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, quen considera que se “apostou por facer unha senda para que a xente vaia camiñando con seguridade co obxectivo, igualmente, de comunicar varios núcleos a través de sendas peonís a medio longo prazo”. 

Comentarios