A Xunta comeza a integrar o Camiño Inglés no polígono do Tambre cara o Xacobeo 2021

A Xunta comeza a integrar o Camiño Inglés no polígono do Tambre cara o Xacobeo 2021
Recreación
A Xunta comeza a integrar o Camiño Inglés no polígono do Tambre cara o Xacobeo 2021

Actualmente está en marcha unha primeira fase da actuación no Camiño Inglés no polígono do Tambre e na contorna do cemiterio de Boisaca, cun investimento de 1,84 millóns de euros

O Consello da Xunta autorizou o proxecto de Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución das obras complementarias ás actuacións que se están a executar de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés no polígono do Tambre, no concello de Santiago de Compostela.

O decreto de utilidade pública comprende as expropiacións dos 20 predios necesarios para as actuacións de mellora do Camiño de Santiago Inglés ao seu paso polo polígono empresarial e ata o cruzamento de Meixonfrío, para o que se dispón dun orzamento de máis de 156.000 euros. E o levantamento de actas previas previse neste verán de 2019.

As actuacións no Camiño Inglés dividíronse en varias fases e neste momento o departamento de Infraestruturas da Xunta está a executar a primeira delas, no trazado do Camiño que atravesa o polígono industrial do Tambre polas rúas Galileo e das Mulas, e na que se atopa o cemiterio de Boisaca

Cun investimento de máis de 1,84 millón de euros, esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reordénase e dignifícase fronte ao cemiterio de Boisaca e configúrase unha senda característica continua na marxe do peregrino, dotándoo dun espazo propio de seguridade que transmite a prioridade peonil respecto aos automóbiles.

Na Vía Galileo esta configuración implica reordenar os espazos dedicados ao estacionamento de vehículos e, en consecuencia, retirar as liñas de aparcadoiro que se prolongan na marxe do peregrino e ordenalas na banda oposta. Deste xeito, para que haxa un mantemento do número global de prazas de aparcamento é necesario complementar a actuación con novas bolsas de aparcadoiro nas proximidades, e precisamente os terreos para estes novos aparcadoiros conséguense a través da expropiación que foi aprobada polo Executivo autonómico.

O Goberno galego acordou así as expropiacións dos seguintes terreos, que se irá materializando a medida que se vaia avanzando coas distintas fases da actuación do Camiño Inglés.

O departamento de Infraestruturas da Xunta tamén está a ultimar o proxecto da segunda fase, que inclúe a execución dos novos aparcadoiros e a conexión entre cemiterio e tanatorio por un importe estimado de 750.000 euros. A contratación das obras prevese para outono.

Estas actuacións enmárcanse dentro da estratexia da Xunta para optimizar as entradas na capital de Galicia dos diferentes Camiños de Santiago, coincidindo co vindeiro ano santo 2021, para o que se traballa para acadar unha imaxe identitaria internacional común ao longo do Camiño, facilitando a dita percepción e diminuíndo a tensión de tráfico sobre o Camiño, así como favorecendo a mobilidade peonil nesta área ao priorizar o peregrino sobre o tráfico rodado.

Comentarios