Ames condena o último acto de violencia machista en Galicia

Ames condena o último acto de violencia machista en Galicia
Ames condena o último acto de violencia machista en Galicia

É a segunda vítima mortal que se cobra a violencia machista este ano en Galicia, a número 33 a nivel estatal

O Concello de Ames, a través da concellaría de Benestar Social, realizou onte, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do asasinato de María del Carmen Vázquez, de 47 anos, presuntamente a mans do seu ex marido. Autoridades municipais, traballadores e veciños gardaron un minuto de silencio en repulsa deste novo acto de violencia machista. 

É a segunda vítima mortal que se cobra a violencia machista este ano en Galicia, a número 33 a nivel estatal. Asemade, o Concello súmase á concentración convocada pola Plataforma Feminista Galega de Ames en repulsa deste asasinato, que terá lugar hoxe martes, 23 de xullo, ás 19:30 horas nas portas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, recalcou que “hai que por fin a esta lacra da violencia machista dunha vez. Nesta loita debemos estar non só nestes actos senón tamén reclamando políticas efectivas, e máis medios, tanto económicos como de persoal. Sempre que poidamos achegar un gran de area, aí estaremos en contra das violencias machistas”.

Asemade, Luísa Feijóo lembra que “existe un teléfono da muller, 016, a onde poden chamar as mulleres ou calquera persoa que coñeza algún tipo de caso de maltrato para denunciar este tipo de situacións. Outra opción é poñerse en contacto co CIM, que atende tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro”.

Comentarios