Ames celebra hoxe o Día de Galicia cun acto no Pazo da Peregrina

Ames celebra hoxe o Día de Galicia cun acto no Pazo da Peregrina
Ames celebra hoxe o Día de Galicia cun acto no Pazo da Peregrina

Contarase coa intervención institucional de cada un dos grupos municipais

O Concello de Ames organiza para este martes, 23 de xullo, ás 20.00 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará unha recepción oficial a Filomena Fraga e se contará coa intervención institucional de cada un dos grupos municipais. Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que haberá música, a cargo de Pilo Sierra e María José Pámpano e o seu proxecto Satélite Salitre, e se lerán varios poemas por parte da veciñanza amesá. 

Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños de Ames. Dito acto terá lugar este martes, 23 de xullo, ás 20.00 horas.

Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal. 

Este ano aproveitarase dito acto para facerlle unha recepción oficial a Filomena Fraga, poeta e veciña de Agrón, e autora da obra A Cancela, publicada por vez primeira en 1995 e reeditada polo Concello en 2006. Filomena Fraga foi homenaxeada polo Concello de Ames o pasado ano, na conmemoración do Día Internacional das Mulleres, por ser exemplo vivo a seguir e un referente na loita pola igualdade.

MÚSICA E LECTURA DE POEMAS

A música do acto do Día de Galicia chegará con Satélite Salitre, un novo proxecto que nace da man dos textos e voz de Pilo Sierra, os arranxos musicais do compositor Pablo  Sanmamed e a mirada artística da violinista María José Pámpano. Son composicións orixinais onde a lingua, a música, a poesía, o mar e a terra conflúen para dar lugar a un novo universo sonoro. Ademais, a veciñanza de Ames tamén participará coa lectura de diferentes poemas e contarase coa intervención institucional de cada un dos grupos municipais.

Comentarios
Lo más