Padrón instalará un Punto Lila hoxe 24 de xullo

Padrón instalará un Punto Lila hoxe 24 de xullo
Padrón instalará un Punto Lila hoxe 24 de xullo

Este Punto Lila estará operativo desde as 20.00 ata as 2.00 horas e será atendido por persoal especializado

O Concellaría de Igualdade e Muller de Padrón, a través do Centro de Información á Muller (CIM), activará o vindeiro día 24 na rúa Ferreiros durante a celebración do festival Asnot e dos concertos de Milladoiro e Mitic -incluidos na programación de Cultura e da Romaría do Santiaguiño do Monte- un Punto Lila informativo e de acompañamento a mulleres vítimas de agresións machistas. Este Punto Lila estará operativo desde as 20.00 ata as 2.00 horas e será atendido por persoal especializado.

Segundo explicou a concelleira de Igualdade e Muller, Lorena Couso, esta acción de concienciación enmárcase "na preocupación do Concello de Padrón fronte a unha lacra que abate a nosa sociedade a cotío, pretendendo crear espazos seguros para desfrutar das festas con tranquilidade e libre de violencias". Esta iniciativa súmase ás xa desenvolvidas por primeira vez este ano nas festas da Pascua co establecemento de dúas liñas de Autobús Lila, completamente gratuítas e con paradas a demanda, así como dun Punto Lila informativo no Paseo do Espolón.

Ademais, desde o CIM levouse a cabo tamén nos últimos meses un labor de coordinación e colaboración cos organizadores e coas comisións das festas máis multitudinarias de Padrón para avanzar cara un ocio libre de violencias machistas, como son a propia Pascua e o Asnot, o Festival Open Air, a Romaría do Santiaguiño do Monte ou a Festa do Pemento de Herbón.

De cara ao futuro, Lorena Couso avanzou que "o Concello de Padrón pretende dar un paso máis no seu compromiso coa elaboración e aprobación dun protocolo de actuación contra agresións machistas nas festas a través da colaboración coas asociacións e comisións de festas máis representativas, así como cos locais de hostalaría e ocio nocturno".

Comentarios
Lo más