Concheiros mudará de cara cunha gran praza de 6.000 metros cadrados

Concheiros mudará de cara cunha gran praza de 6.000 metros cadrados
Concheiros mudará de cara cunha gran praza de 6.000 metros cadrados

A intervención busca o calmado do tráfico reordenando as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros e facilitando a conexión co barrio de Fontiñas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou onte o inicio para finais deste mesmo ano das obras de integración paisaxística do Camiño Francés no cruce da avenida de Lugo coa rúa Concheiros, coincidindo coa licitación onte desta nova actuación á que se destina un investimento de máis de 3 millóns de euros.

Acompañada polo director da Axencia Galega Infraestruturas, Francisco Menéndez, a conselleira deu conta en rolda de prensa de apertura do período para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas, ata o vindeiro día 19 de agosto. Os traballos teñen un prazo de 12 meses de execución.

Incidiu que se se trata dunha actuación integral e ambiciosa, orientada a facer que o Camiño nese punto da cidade sexa máis identificable, devolvéndolle en parte a continuidade que se viu truncada cando se executou a avenida de Lugo a modo de rolda urbana. E, ao tempo, procura a mellor integración paisaxística na trama da cidade, reordenando todos os accesos que conflúen no nó de Concheiros.

As obras, afirmou Ethel Vázquez, transformarán o actual nó nunha gran praza de 6.000 metros cadrados e que compatibilizará o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos cun tráfico rodado fluído e seguro, facilitando, ademais, a conexión de Concheiros co de Fontiñas.

A conselleira explicou que para esta actuación no Camiño Francés, a Xunta ten programada unha reordenación de todas as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros, facilitando movementos máis seguros, tanto para vehículos como para peóns e peregrinos.

Concretou que a actuación inclúe a creación dun gran espazo verde máis humano, que contribuirá a facer do Camiño unha ruta moito máis identificable, pero tamén máis satisfactoria e positiva. E para iso, continuou dicindo, darase continuidade á ringleira de árbores existentes na avenida de Lugo cara arriba, ata o cruce de Concheiros.

De cara a reforzar a seguridade viaria da avenida de Lugo -que manterá os dous carrís de baixada e de subida-, cambiarase o pavimento existente nese punto por un chan de lastras, para crear no condutor unha sensación visual distinta que o levará a reducir a velocidade, fomentando un maior respecto entre condutor e camiñante.

Ethel Vázquez indicou que para ofrecer unha maior continuidade á ruta xacobea no cruce de Concheiros, e facer que a traza do Camiño sexa moito máis identificable para o peregrino, disporase nesa zona de iluminación específica que lle servirá de guía ao camiñante. Se instalará unha tira de luminarias colgantes no nó de Concheiros que guiarán os seus pasos cara á Praza do Obradoiro.

Indicou que a proposta, ademais de acadar un tráfico máis lento coa creación desa nova zona verde e a diferenciación do pavimento no nó de Concheiros, tamén inclúe a execución de dúas novas glorietas que favorecerán o acceso ao barrio de Fontiñas e mellorarán os tráficos urbanos, facéndoo así o tráfico máis fluído.

Executarase unha primeira rotonda no cruce coa rúa Londres, que facilitará a mobilidade cara a equipamentos esenciais desa zona, como pode ser o Centro de Saúde ou o da Cruz Vermella. E outra glorieta máis arriba, no cruce do Conservatorio de Música e a actual estación de autobuses -no futuro o novo edificio administrativo da Cidade de San Caetano-, que fará os tráficos máis seguros, nunha contorna que rexistra gran cantidade de movementos cara estes equipamentos, e tamén de continuación cara a San Caetano ou cara a zona comercial das Cancelas.

Tal e como incidiu a conselleira, estas solucións de integración paisaxística pensadas para a avenida de Lugo na zona de Concheiros tamén servirán para mellorar os tráficos urbanos e suporán unha mellora significativa para todos os veciños de Fontiñas e tamén a contorna. Disporán dun barrio máis familiar e máis verde, máis integrado na cidade e máis unido ao de San Pedro, na liña con eses retos e obxectivos que a Xunta ten fixado para a Galicia da próxima década.

A conselleira salientou que con esta intervención do cruce de Concheiros, xunto coa da baixada do Monte do Gozo ata San Lázaro e cuxas obras se iniciarán en setembro, se están a atender os 2 puntos que calquera peregrino ou veciño de Santiago pode identificar como os máis complicados do Camiño Francés á súa entrada á cidade.

Finalmente puxo en valor o traballo que se está a facer para acelerar a marcha nos traballos nas entradas dos Camiños en Compostela para telas rematada e a punto para o Xacobeo 2021.

A conselleira destaca que con esta actuación están xa en marcha as obras máis emblemáticas planificadas dentro da estratexia de integración e mellora dos Camiños de Santiago á chegada a Compostela, que suporá un investimento total de 12 millóns de euros.

Comentarios