Medio Ambiente vedará a pesca no río Furelos debido aos últimos vertidos detectados

Medio Ambiente vedará a pesca no río Furelos debido aos últimos vertidos detectados
Medio Ambiente vedará a pesca no río Furelos debido aos últimos vertidos detectados

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que o vindeiro mércores o Diario Oficial de Galicia publicará a Resolución pola que se veda a pesca no tramo do río Furelos e no rego de Reboredo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou na mañá de onte a membros da Asociación Troiteiros do Río Furelos información sobre as actuacións do departamento que dirixe en relación cos últimos vertidos rexistrados este mes no río Furelos, ao seu paso por Melide.

Nese sentido, adiantou que o Diario Oficial de Galicia publicará o vindeiro mércores 24 de xullo a Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural pola que se veda a pesca nun tramo do río Furelos e no Rego de Reboredo, co fin de recuperar as condicións de habitabilidade piscícola.

Explicou que dado que os vertidos na zona se mantiñan, a Consellería de Medio Ambiente solicitou por escrito ao Concello de Melide e á empresa láctea causante do vertido que se tomaran as medidas necesarias para cesar os vertidos lácteos que se están a producir no río Furelos en Melide, tal e como constataron os técnicos de medio ambiente nunha inspección realizada a finais da semana pasada e na que visualizaron achegas de cor branquecina e con olor a lácteo no Rego de Rebordedo.

A conselleira trasladou que esta non é a única das medidas adoptadas polo seu departamento, xa que no momento no que se coñeceu o suceso a Consellería de Medio Ambiente decidiu incoar un expediente sancionador polo vertido rexistrado no río Furelos, ao seu paso polo Concello de Melide; onde se constatou a mortaldade de fauna ictícola; feitos que constitúen unha infracción administrativa grave en materia de pesca fluvial (Lei 7/1992, do 24 de xullo), e que implica multas que poden ir desde os 3.001 euros ata os 30.000. Tamén, en base ao artigo 44 da lei, se prevé que a sanción será compatible coa esixencia dunha indemnización correspondente polos danos e perdas causadas.

Tamén está a ultimar os estudos técnicos necesarios para determinar a incoación dun segundo expediente administrativo sancionador por unha infracción moi grave en materia de conservación da natureza (Lei 9/2001, do 21 de agosto), con sancións que poden ir desde os 60.000 euros ata os 300.000; así como asumir a reparación do dano causado.

Comentarios
Lo más