A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos volve a denunciar os novos plans da empresa Toysal

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos volve a denunciar os novos plans da empresa Toysal
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos volve a denunciar os novos plans da empresa Toysal

A veciñanza non ve ningunha razón para respirar tranquila, tal e como lle dixeran ao Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, na reunión mantida en abril

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos prepárase para facerlle fronte ao “novo” Plan de Restauración. Un plan que só modifica, con respecto ao anterior, a inclusión dunha empresa externa para vixiar o contido dos residuos que alí se depositen. A veciñanza non ve ningunha razón para respirar tranquila, tal e como lle dixeran ao Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, na reunión mantida en abril. “Unha auditoría para vixiar o contido dos residuos non é garantía, queremos que se restaure a canteira con restos da explotación da propia canteira. Ningún residuo de fora. Só desta maneira podemos asegurar que non van a converter o monte da Casalonga nun vertedoiro”.

A canteira xa está prácticamente esgotada e a empresa Toysal pretende explotala, empresa moi coñecida, e non polas súas boas prácticas, no sector dos residuos. Branco e en botella… “quen non o quere ver é porque ten algún interés oculto nisto, se non non se entende” di un membro da plataforma.

Do proxecto presentado entresácanse os seguintes datos:

- Baleirado do alto de Santa Clara ata o hipódromo de Texexe e ao seu nivel, afectando a máis de 55 hectareas.

- Afección do plan de restauración a fincas que non son propiedade da empresa.

- Recheo do oco ata a altura inicial do monte (fai máis de 30 anos) con 10 millóns de m3 de:

- Residuos da prospección, extracción de minas e canteiras e de tratamentos físicos e químicos de minerais.

- Residuos de procesos térmicos

- Residuos da construcción e demolición

- Fraccións de residuos municipais

- Lodos procedentes da planta de tratamento.

Haberá unha última capa de 30cm (170.000 Tn), con un 90% de tecnosolos (solos producidos a través de lodos de depuradoras, puríns, restos de conserveiras, residuos orgánicos de diversas índoles, cinsas de incineracións doutros residuos que apodrecerán na canteira,…)

Camións de gran tonelaxe cada 4 ou 5 minutos de media con picos de máis de un por minuto.

Dentro dos residuos inertes poden entrar fraccións de tóxicos. Con só chegar ao 1% suporía 100.000 Tn de sustancias potencialmente tóxicas.

E todo isto supoñendo que a empresa se moverá nos próximos 30 anos dentro da legalidade. Se as prácticas derivan cara a situación actuáis das canteiras de Miramontes ou Touro a situación sería moito peor.

PRÓXIMAS ACCIÓNS DA PLATAFORMA

A plataforma prepárase ante o novo ataque da empresa dobregando esforzos na información á veciñanza, tanto polas redes como buzoneando, pegando carteis, facendo reunións informativas… Está a preparar alegacións para cando o proxecto saia a exposición pública, que espera non sexa no verán, cando o nivel de participación cidadá é máis reducido. Tal e como fixo a Xunta solicitándolle ao concello de Teo o informe municipal sobre este plan entre o 18 de xullo ao 18 de agosto, cando sabe que boa parte dos traballadores collen vacacións. Esta decisión administrativa non beneficia á veciñanza, máis ben todo o contrario.

Outra acción na que está a traballar a plataforma é nunha gran mobilización cidadá sen data definida aínda.

Comentarios