A pianista compostelá Isabel Pérez Dobarro facendo unha homenaxe ás mulleres galegas

A pianista compostelá Isabel Pérez Dobarro facendo unha homenaxe ás mulleres galegas
A pianista compostelá Isabel Pérez Dobarro facendo unha homenaxe ás mulleres galegas

O evento misturará música, literatura e pintura con referentes como Rosalía de Castro, Maruja Mallo e María, a Balteira 

A pianista compostelá Isabel Pérez Dobarro volve tocar na súa cidade natal e faino como concertista e organizadora do evento Unha homenaxe á muller galega a través das artes, xunto coa compositora Julia Dopico e as violinistas Sara e Raquel Areal Martínez . Pérez Dobarro é unha pianista habitual das salas de concertos máis importantes de mundo (Carnegie Hall, Lincoln Center, Auditorio de Galicia, Ateneo de Madrid, Sala Rachmanínoff).

Unha homenaxe á muller galega a través das artes pretende pór en valor á muller galega a través da súa aportación á cultura. Música, literatura e pintura con referentes como Rosalía de Castro, Maruja Mallo e María, a Balteira ou a compositora Eugenia de Osterberger con outros máis contemporáneos como as compositoras Margarita Soto e Julia Dopico Vale. Tamén incluirase no repertorio do concerto unha obra do compositor Marcial del Adalid baseada nun texto da súa muller, Fanny Garrido. A iniciativa persegue a promoción da música galega tanto en Galicia como no exterior. Asemade, o concerto busca non só facer unha homenaxe as mulleres galegas nas artes senón servir de exemplo para as actuais e futuras xeracións.

No escenario acompañarán a Pérez Dobarro as violinistas Sara e Raquel Areal Martínez. O concerto terá lugar o vindeiro 26 de xullo ás 20.00 horas na sede da SGAE, en Rúa das Salvadas, 2 en Santiago Compostela. O programa comezará coa peza "Meniña Balteira”, de Julia María Dopico Vale, interpretada por Pérez Dobarro; seguiralle “Na frente unha estrela”, homenaxe a Rosalía de Castro, interpretada polo piano de Pérez Dobarro e os violíns de Sara e Raquel Areal Martínez; a obra de Marcial del Adalid, “A Bordo”, baseada no texto da poetisa Fanny Garrido, a peza “En-re-do” de Margarita Viso Soto, interpretada por Pérez Dobarro, continuará coas varias obras de Eugenia de Osterberger e finalizará con “Cor no ar”, peza de Julia María Dopico Vale baseada na obra de Maruja Mallo.

PÉREZ DOBARRO

O evento parte do interese de Pérez Dobarro por impulsar o papel das mulleres na música e nas artes en xeral. En 2016, xunto á mezzo-soprano Anna Tonna, Isabel gañou o premio New York Women Composers Seed Grant polo proxecto Women in Music. O certame valora aquelas iniciativas que logran da visibilidade da muller dentro da composición na música clásica. Ademais da súa actividade pianística, Pérez Dobarro, afincada na cidade de Nova Iorque, dirixe a UN SDSN-Youth Arts Twenty Thirtry que combina artes e sostenibilidade mediante a organización de eventos en todo o mundo e a promoción da arte. Isabel Pérez Dobarro impartiu conferencias no Foro dos Premios Nobel da Paz, a Asamblea Xeral de Nacións Unidos e mesmo no Parlamento Europeo dentro do European Arts Forum. 

Comentarios