Ames experimentou unha baixada de delitos penais durante o primeiro trimestre de 2019

Ames experimentou unha baixada de delitos penais durante o primeiro trimestre de 2019
Ames experimentou unha baixada de delitos penais durante o primeiro trimestre de 2019

Os datos amosan á tendencia á baixa do Concello de Ames, en contraposición á suba experimentada na provincia da Coruña (6,9%), Galicia (8,7%) e España (5,2%)

O Concello de Ames segue a confirmar os bos datos en materia de seguridade e conseguiu reducir nun 6,7% as infraccións penais no primeiro trimestre de 2019, en relación ao mesmo período de 2018. É o concello da provincia de máis de 30.000 habitantes que máis descende, seguido de Arteixo (5,1%) e Culleredo (0,8%). Os datos, recollidos no balance trimestral de criminalidade do Ministerio do Interior, amosan á tendencia á baixa do Concello de Ames, en contraposición á suba experimentada na provincia da Coruña (6,9%), Galicia (8,7%) e España (5,2%).

Neste primeiro trimestre de ano, o Concello de Ames experimentou unha redución nos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual (50%) en roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións (7,7%) en tráfico de drogas (50%) e noutras infraccións penais (8,7%). Asemade, houbo un roubo con violencia e intimidación (por ningún no mesmo período de 2018) tres furtos e dous roubos con forza en domicilio máis que no pasado exercicio. No total de infraccións penais, Ames pasou das 225 rexistradas dende xaneiro a marzo de 2018 ás 210 contempladas no primeiro trimestre deste ano, o que supón unha redución do 6,7%.

Para o alcalde de Ames, José Miñones, estes datos “confirman os datos que manexabamos na última Xunta Local de Seguridade, situando a Ames como un dos concellos máis seguros de toda Galicia e de España. Hai que destacar tamén o incremento de detidos pola comisión de delitos, o que da conta do bo facer dos corpos de seguridade no noso municipio”.

A pesares dos bos datos recollidos no estudio do Ministerio do Interior e relativos ao primeiro trimestre do ano, o Goberno mantén en todo o alto a prevención e a vixianza, sobre todo nos entornos máis afectados relativos aos roubos en vivendas. Recentemente foi inaugurada a nova sala de control da policía local con visionado das cámaras de vixianza tanto de urbanizacións como do Parque empresarial, que permiten facer un seguimento diario das incidencias.

XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE

Os datos aportados polo Ministerio do Interior confirman a tendencia que se recollía na última Xunta Local de Seguridade, celebrada no pasado mes de abril. Nela facíase balance das cifras que deixara 2018, ano no que xa se confirmaba un bo comportamento da seguridade no concello, sendo a taxa de criminalidade 4 puntos inferior á da provincia, case 2 puntos menor que a media galega e 18 puntos menos que a de España. Por outra banda, o número de delitos que foron esclarecidos ese ano, en comparación ao 2017, foi un 4% superior, se ben as infraccións penais aumentaran nun 7% froito do incremento dos delitos cibernéticos ou pola Internet que se rexistraron no 2018.

Ademais, as detencións por delitos no 2018 incrementáronse nun 63%, amosando o bo funcionamento dos corpos de seguridade, destacando as operacións realizadas pola Garda Civil en vivendas illadas e urbanizacións. A investigación tamén aumentou en torno ao 20%. 

Comentarios
Lo más