Éxito de participación nunha nova xornada de Noites en Vela, en Ponte Maceira

Éxito de participación nunha nova xornada de Noites en Vela, en Ponte Maceira
Éxito de participación nunha nova xornada de Noites en Vela, en Ponte Maceira

Contouse coa actuación do artista folk Davide Salvado, que ofreceu ao público un espectáculo especial deseñado para a ocasión no que contou coa presenza de Cibrán Seixo e Fransy González

Máis de mil candeas engalanaron a Ponte Maceira o pasado sábado para vivir unha nova xornada das Noites en Vela, unha das máis concorridas dende que os concellos de Ames e Negreira decidiron levar a cabo de forma conxunta este programa, co obxectivo de poñer en valor este lugar polo que discorre unha parte do Camiño Real de Santiago a Fisterra. Nesta ocasión contouse coa actuación do artista folk Davide Salvado, que ofreceu ao público un espectáculo especial deseñado para a ocasión no que contou coa presenza de Cibrán Seixo e Fransy González. Centos de veciños e veciñas, tanto de Ames coma doutros concellos da contorna, achegáronse ata a Ponte Maceira para gozar do espectáculo.

Segundo a organización, as Noites en Vela do pasado sábado reuniron máis público que nunca para gozar xa non so da música de Davide Salgado, senón tamén da inigualable paraxe da Ponte Maceira, engalanada para a ocasión con máis de mil candeas, e do espectáculo pirotécnico co que se despediu a xornada. Davide Salvado fixo un alto na xira de presentación do seu último traballo ‘Amarelo’, para participar no programa Noites en Vela e deleitar ao numeroso público que se achegou á Ponte Maceira cun espectáculo especial deseñado para a ocasión, no que o artista ofreceu a súa particular visión da música tradicional. Durante a actuación, Davide interpretou pezas apoiadas na súa voz e na percusión tradicional. O violinista Cibrán Seixo e a pandereteira Fransy González acompañaron a Davide Salgado nalgúns dos temas ao longo da noite.

O artista folk atópase inmerso na xira de presentación de ‘Amarelo’, un espectáculo heteroxéneo no que o artista reinventa a música tradicional galega e adopta sons doutras partes do mundo. Acompañado polos músicos Pedro e Pablo Pascual, esta xira levaraos por Compostela, Lorient, Cambados, Cáceres ou Viena. Ao final da noite, houbo tamén un espectáculo pirotécnico, que se realizou despois da actuación musical, dende a ponte medieval que divide os concellos de Ames e Negreira. Este é un iniciativa que ten o obxectivo de poñer en valor este lugar polo que discorre unha parte do Camiño Real de Santiago a Fisterra.

Comentarios