Paula Prado (PPdeG) sobre a dimisión da Valedora: "É unha decisión que lle honra"

Paula Prado (PPdeG) sobre a dimisión da Valedora: "É unha decisión que lle honra"
Paula Prado (PPdeG) sobre a dimisión da Valedora: "É unha decisión que lle honra"

Prado apuntou que “agora é o momento de que as formacións políticas nos poñamos de acordo e acertemos na elección da persoa que substitúa a Milagros Otero”

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, amosou hoxe o seu respecto pola decisión adoptada pola Valedora do Pobo, Milagros Otero, de renunciar ao seu cargo, logo do escrito presentado esta mañá no Rexistro do Parlamento.

Paula Prado agradeceu “o intenso traballo desenvolvido por Milagros Otero ao longo destes últimos cinco anos no posto de Valedora do Pobo, conseguindo dar un pulo importante e achegando esta institución a toda a sociedade galega”. Neste sentido, salientou que nestas anos o Valedor do Pobo multiplicou por 10 as queixas de oficio recibidas, ao tempo que se incrementaron as queixas recibidas desde concellos do rural galego, que chegaron a supoñer o 12 por cento no ano 2017.

"DECISIÓN QUE LLE HONRA"

“A renuncia presentada hoxe por Milagros Otero é unha decisión que lle honra porque deixa o seu cargo logo dunha sentenza estritamente administrativa que nin tan sequera invalidou o proceso na súa totalidade”, manifestou Prado, quen lembrou que “todos coñecemos a existencia en Galicia doutras moitas sentenzas invalidando procesos de libre designación, ditadas incluso polo mesmo Tribunal, que non tiveron consecuencias políticas noutras administracións, mesmo algunha na orde do penal”.

Así mesmo, a viceportavoz popular afirmou que “agora é o momento de que as formacións políticas presentes no Parlamento galego nos poñamos de acordo e acertemos na elección da persoa que substitúa a Milagros Otero no Valedor do Pobo, de xeito que este órgano continúe realizando unha frutífera labor na defensa dos dereitos e as liberdades de todos os galegos”.

Comentarios
Lo más