Treixadura e Virandeira Folk actúan este sábado no II Festival Naturfest de Rois

Treixadura e Virandeira Folk actúan este sábado no II Festival Naturfest de Rois
Treixadura e Virandeira Folk actúan este sábado no II Festival Naturfest de Rois

OCT Chorima, Grupo de Danzas Asociación Cultural Leira e Os Trazantes de Tenorio de Cotobade animarán a troula durante a tarde

O Concello de Rois celebra este sábado a segunda edición do Festival Naturfest, promovido polo Obradoiro Cultural Tradicional Chorima. Durante toda a xornada, os asistentes poderán participar en actividades coma o trail, ou os xogos populares, así coma un xantar e multitude de concertos. Este ano, Treixadura e Virandeira Folk, dous dos grupos de referencia na música tradicional galega, serán o prato forte desta troula que se levará a cabo no campo da festa de Rois.

Este sábado 27 de xullo o Concello de Rois vaise de troula da man do II Festival Naturfest. Este evento promovido polo propio goberno local, xunto co OCT Chorima contará na súa segunda edición cunha xornada chea de actividades dende primeira hora da mañá. A partir das 10.00 horas darán comezo as celebracións da man do trail, no que os participantes farán deporte á vez que gozan das privilexiados paisaxes do municipio.

Xa no campo da festa de Rois e coa chegada do mediodía, comezarán as actuacións musicais da man do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, o Grupo de Danzas Asociación Cultural Leira de Ordes e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio, de Cotobade (Pontevedra), que darán paso ao xantar popular.

A partir das seis da tarde a música galega volverá ser a gran protagonista, poñendo así en valor o noso territorio e o noso patrimonio. A esa hora comezará o festival folclórico no que participarán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, o Grupo de Danzas Asociación Cultural Leira de Ordes e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio, de Cotobade (Pontevedra), que estará acompañado de xogos tradicionais.

O prato forte chegará ás 22.00 horas, cos concertos de Treixadura en Virandeira Folk. O primerio chega a Rois dentro da xira do seu último traballo ‘Inda canto!’, que xa ten percorrido máis de 30 localidades galegas. Con 6 discos no mercado, Treixadura segue fiel ao seu son característico tentando levar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico. Por outra banda, Virandeira segue apostando máis que nunca pola mestura de xéneros, estilos e sons, dende a música celta ao rock na xira de ‘Metamorfose’, o seu segundo traballo.

Durante a presentación do Naturfest, celebrada o pasado 9 de xullo na Cidade de Cultura de Galicia, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, asegurou que o festival “sitúa a Rois outra vez como lugar importante da comarca para a promoción cultural e poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido más aló das nosas fronteiras” , mais todos os asistentes a este acto coincidiron en que “todo o mundo está invitado a este festivalazo”.

NOVA ETAPA

O nova etapa do Festival NaturFest comezou no 2018 como unha fusión de dúas citas musicais estivais que celebraran tres edicións cada unha: o Chorima Naturfest, que promovía o OCT Chorima, e o Rois Arrasa!!!, impulsado polo Concello de Rois. “Aínda que os resultados destas iniciativas foron positivos, tanto dende o Concello como dende Chorima decatámonos de que sumando forzas podiamos crear un único e sólido festival co que enxalzar o panorama musical, tanto local como galego. O éxito da primeira edición do Festival Naturfest, que se celebrou o ano pasado, penso que nos está a dar a razón”, dixo o alcalde na presentación.

Tojo Lens afirmou que este novo NaturFest “nace coa finalidade de ofrecerlle á gran canteira musical que temos en Rois un espazo no que poida expresar e compartir a súa arte. Queremos que tanto a veciñanza de Rois coma do resto de Galicia atope no campo da festa un lugar no que achegarse un pouco máis á nosa cultura”, engadiu.

Laura Ríos, do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima de Rois, reiterou esta idea asegurando que dende a organización do festival se busca “xuntar ás persoas do noso entorno e a outras de toda Galicia, para pasar un día de lecer, un día de convivencia, onde nos vexamos e, todos xuntos, poidamos gozar do deporte, do xantar, dos xogos, do baile, da música e das nosas tradicións”.

Para a organización do NaturFest, o Concello de Rois conta coa colaboración do OCT Chorima e da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Ramón Tojo asegurou que o certame ten vocación de continuidade: “Se por separado estivemos tres anos, xuntos, Concello e Chorima, chegaremos moito máis lonxe no tempo promocionando a nosa música”.

Comentarios