A supresión de 42 aulas implica a eliminación de 62 postos de traballo en infantil e primaria

A supresión de 42 aulas implica a eliminación de 62 postos de traballo en infantil e primaria
A supresión de 42 aulas implica a eliminación de 62 postos de traballo en infantil e primaria

Os postos de traballo que se suprimen coa publicación dos cadros de persoal son un 7% máis que o curso anterior e inciden nunha perda paulatina de persoal do corpo de mestres

“Reorganización”. Con esta denominación adoita presentar a Consellaría de Educación os recortes en unidades e postos de traballo nos centros de educación especial, infantil e primaria. 

As cifras, porén, non deixan lugar a dúbidas: ano tras ano a Xunta pecha aulas, tanto en centros completos como unitarias no medio rural. O curso 2019/20 comezará co peche de 67 aulas, entre as que se atopan sete unitarias. O peche de aulas non se ve compensado pola creación oficial de unidades que, todas elas, xa viñan funcionando: só abren 25. A incidencia das aulas habilitadas, aquelas que non se poden dotar con profesorado definitivo á espera da consolidación da matrícula prevista, ten este curso unha incidencia irrelevante e só serve para edulcorar os fríos datos de eliminación de recursos públicos.

Por provincias, é novamente Pontevedra a que sofre os principais efectos dos recortes de unidades, ao se repetiren cifras case idénticas ás do curso pasado: un 60% das aulas pechadas son desta provincia.

MENOS AULAS E MENOS PROFESORADO

Ao tempo que a sangría se estende co peche de aulas, a política do goberno de Feijóo tamén alcanza os postos de traballo: serán 62 mestras e mestres menos os que comecen o curso 2019/20. Os datos confirman as denuncias efectuadas pola CIG-Ensino na avaliación feita polo sindicato maioritario en canto se coñeceron os orzamentos de 2019, nos que xa se anunciaba unha redución do capítulo I (persoal).

A redución de postos de traballo, superior nun 7% á do curso anterior, levará consigo o despedimento de persoal interino e o desprazamento de profesorado definitivo a outros colexios e terá unha especial incidencia na especialidade de Educación Primaria, na que se concentra máis da metade das prazas suprimidas.

"HIPOCRESÍA CO MEDIO RURAL"

"O peche de aulas no medio rural é unha constante nas últimas décadas e viuse agudizada coa chegada ao poder de Feijóo. Falamos de unitarias mais non só: tamén pechan aulas en centros rurais de tamaño medio que van ficando reducidos á mínima expresión e convertendo o seu peche nunha morte anunciada. A hipocrisía do goberno galego acada no trato que dispensa ao medio rural unha das súas máis altas cotas: ao tempo que elimina servizos públicos nas aldeas e pequenas vilas do país (escolas, centros de saúde, servizos sociais..) entoa ladaíñas e dáse golpes no peito a falar da desertización no rural e na necesidade de frear a sangría de poboación. Ningunha credibilidade poden ofrecer as bagoas de quen executa políticas que, sen contemplacións, inciden na fenda de dereitos entre quen nace e quere vivir no rural e o resto da cidadanía", aseguran dende a CIG.

Comentarios