Charo Arredondo, presidenta de INLAC, falou da problemática dos baixos prezos no sector lácteo

Charo Arredondo, presidenta de INLAC, falou da problemática dos baixos prezos no sector lácteo
Charo Arredondo, presidenta de INLAC, falou da problemática dos baixos prezos no sector lácteo

Nun encontro organizado polo SLG, o investigador do CIAM, Juan Castro, advertiu estamos a tempo de anular a norma que obriga a aplicar os xurros con inxectores

A Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego e medio cento de gandeiros e gandeiras do sector reuníronse en Compostela onte, 30 de xullo, coa presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo, e co investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Juan Castro.

Charo Arredondo falou de diversas cuestións de actualidade relacionadas co sector lácteo, entre elas a dos baixos prezos que seguen dominando nas relacións comerciais entre granxas e industrias. Precisamente, Galicia e Cantabria (Arredondo é cántabra), son as dúas comunidades do Estado nas que o prezo medio do leite é o máis baixo: 31'3 e 31'4 céntimos por litro, respectivamente. Para a presidenta da Inlac, non serve de nada debater interminablemente sobre este tema se non se acordan solucións para atallalo. Neste senso, Charo Arredondo adiantou que, a partir do mes de setembro, tentará reunir aos diversos axentes que forman parte da Inlac (organizacións agrarias, cooperativas e industrias) para falar dos prezos e tentar atopar solucións de consenso para que, cando menos, cubran os custes de produción das granxas, cousa que agora mesmo non acontece.

Pola súa banda, Juan Castro centrou a súa intervención na normativa que obriga ás granxas de vacún a enterrar os xurros para reducir as emisións de amoníaco á atmosfera. En base ás súas propias indagacións e recompilación de datos, este investigador do CIAM demostrou que os principais emisores de amoníaco á atmosfera no Estado Español son comunidades como Castela e León e Catalunya e, en concreto, o sector do porcino intensivo. Este último, é o responsábel de case o 44% das emisións de amoníaco no Estado, mentres que o vacún de leite só emite o 9'9%. E aínda dentro do sector de vacún, as estatísticas non distinguen entre as explotacións que seguen un modelo intensivo e as que optan por outro máis sostible en base a pastoreo, polo que o dato tampouco é fiable.

Dende este punto de vista, non se entende que na Política Agraria Común (PAC), España forzase a introdución da obriga de aplicar os xurros enterrándoos con inxectores, cando a Unión Europea non obrigaba a iso, e cando os datos indican que as granxas que terán que acometer a obriga: as máis sostibles e que menos emisións causan porque ligan o seu traballo á base territorial, xa que son estas as únicas que poden pedir axudas da PAC.

Castro explicou que aínda estamos a tempo de impedir a aplicación desta normativa que non se aplica en ningún outro país da Unión Europea pero, até agora, só atopou a desidia do Ministerio de Agricultura -que nin sequera ten unha guía de boas prácticas para minimizar a emisión de gases para o sector lácteo- e da Xunta, que nin sequera presentou alegacións. Para Juan Castro, enterrar xurros para diminuír as emisións de amoníaco non ten ningunha base científica. De feito, hai boas prácticas no sector -como pasar a grade de discos cando se bota o xurro, ou estendelo cando orballa-, que son máis efectivas que os inxectores, maquinaria que xa adquiriron no CIAM para probala e que nos test realizados ficou demostrada a súa ineficacia.

Comentarios
Lo más