Comeza a novena edición do Millarock

Comeza a novena edición do Millarock
Comeza a novena edición do Millarock

O rock galego dáse cita este venres, 2 de agosto, no Milladoiro da man da novena edición do Millarock. Nesta ocasión, subiranse ao escenario os grupos Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew

O rock galego dáse cita este venres, 2 de agosto, no Milladoiro da man da novena edición do Millarock. Nesta ocasión, subiranse ao escenario os grupos Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew. Os concertos comezarán ás 21.00 horas, co obxectivo de que as familias con nenas e nenos pequenos tamén teñan a posibilidade de achegarse ao concerto. Organizado polo Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. N

Un ano máis, o Milladoiro convertese en punto de encontro para os amantes do rock a través do festival Millarock, que este ano celebra a súa novena edición. O cartel estará formado polos grupos Nao, Cuarta Xusta, Zënzar e Dios ke te crew; que serán os encargados de marcar o comezo das festas do Milladoiro. Despois do éxito de público acadado nas pasadas edicións, dende o Concello de Ames convídase a veciñanza a acudir a esta nova entrega na que se mestura rock galego, a través de bandas consolidadas e grupos emerxentes.

Así, esta será unha cita especial para os seguidores do grupo Nao, que se encontran inmersos na súa xira de despedida e que escolleron o Millarock como un dos seus últimos concertos. A banda, formada por Pablo Carracedo, Gustavo Brea, Antón Fernández e X. Ramón Iglesias; conta cunha traxectoria de trece anos marcada polo compromiso social e a súa forza no escenario. Durante o concerto, Nao interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, ao tempo que fará un percorrido polo seu último disco, titulado Ata que o lume se apague. Durante a presentación do festival, o batería deste grupo estradense, X. Ramón Iglesias 'Amós', expresou a súa “satisfacción por actuar nun lugar onde non estiveramos antes” cun “cartel redondiño, integramente en galego e con moita presenza feminina”.

Por outra banda, tamén actuará outro dos grupos máis consolidados do panorama galego, Zënzar. A banda botou a andar no ano 1988 e conseguiu gravar a súa primeira maqueta en 1992. Dende entón percorreron todos os recunchos do país coa súa música. Na actualidade, o grupo está formado por Manolo García, Xosé A. Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira e Laura Romero, que se incorporou á banda tralo falecemento de José A. Regueiro 'Tabe' no 2016. Ademais, Laura Romero, Paco Cerdeira e Xosé Bocixa ofrecerán tamén unha serie de charlas antes do concerto, nas que falarán de distintos aspectos da música, poñendo o aceno nos ámbitos que lles tocan de maneira máis directa. Así, Laura conversará cos asistentes sobre o seu proxecto Músicas galegas ilustradas, co que busca darlle visibilidade ás mulleres músicas de Galicia; mentres que Bocixa fará unha percorrido pola historia do rock galego e Paco falará de como viviu el a chegada a Galicia dende México e como trasladou ese cambio á música.

VOLTA AOS ESCENARIOS DO GRUPO DIOS KE TE CREW

Esta edición do Millarock tamén contará coa actuación do grupo de rap, Dios ke te crew, que volve á escena musical despois dun tempo retirados. Formado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, esta banda de Ordes destaca polos seus directos e as súas letras cargadas de ironía, orixinalidade e unha música moi propia que mistura toques de rock, jazz ou funk.

Para rematar, o cartel completarao Cuarta Xusta, o grupo orixinario de Melide integrado por Marta, Lúa, Alberto, Alba e Aida. Cuarta Xusta xorde no ano 2016 e entra con forza no panorama musical galego mediante versións de temas coñecidos ata que, meses despois, deciden compoñer temas propios para dotar á banda de carácter propio que os levan a percorrer numerosos festivais ao longo de Galicia. Así, comeza a preparación do seu primeiro traballo discográfico Un novo espertar, presentado o 10 de marzo do 2018, oito temas propios nos que cristaliza o seu obxectivo musical, “berrar con música as inxustizas que nos rodean”.

Durante a presentación, Alberto García afirmou, xunto á súa compañeira Marta Sánchez, que para Cuarta Xusta formar parte do Millarock supón “un auténtico honor poder coincidir con estas bandas e ver a xente que leva tantos anos arrasando polo país. Para nós é unha ilusión moi grande estar aí e poder participar niso”.

Comentarios