O Pleno aproba a mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín

O Pleno aproba a mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín
O Pleno aproba a mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín

Ademais, aprobáronse as dietas por asistencias a órganos complementarios e maila aprobación inicial da modificación da base de execución 41 do orzamento municipal

Este martes, 30 de xullo, realizouse o pleno ordinario do mes de xullo no que a Corporación municipal aprobou o proxecto técnico de mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. Outros temas que se aprobaron foron a modificación do anexo de investimentos do orzamento municipal de 2019; e a autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada de Pilar Martínez Jiménez, María del Carmen Giadáns Dopazo e Amaury Quintero Consuegra. Ademais, aprobáronse as dietas por asistencias a órganos complementarios e maila aprobación inicial da modificación da base de execución 41 do orzamento municipal. 

O pleno ordinario de xullo comezou cunha minuto de silencio en repulsa do asasinato de María del Carmen Vázquez, de 47 anos, última vítima por un caso de violencia de xénero en Galicia. A continuación a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta do decreto de liquidación de 2018 do que destacou as grandes cifras que arroxa dita liquidación. Deste xeito, destacou que o superávit do exercicio 2018 ascende a preto de 3.800.000 euros e o remanente de tesourería achégase aos 8.500.000 euros.  

Asemade, destacou o equilibrio orzamentario do Concello de Ames xa que no exercicio 2018 a cifra total de ingresos por operación correntes foi de 23.705.660 euros. Unha cifra que é superior a cifra total de gasto corrente que ascendeu a 18.931.544 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano. 

En canto á débeda dixo que durante o exercicio 2018 concertouse unha operación de débeda a longo prazo para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas no plan Impulsa Ames da EDUSI, por importe de 222.895,50 euros, a única débeda bancaria que ten contraída agora o Concello de Ames. O resto da débeda, que a finais do 2018, xunto con este préstamo, suma un total de 1.851.382,40 euros, son dous préstamos provinciais, sen xuros, da Deputación da Coruña (PAI), incluídos nos POS. 

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, tamén achegou a información periódica correspondente ao primeiro trimestre do exercicio 2019. Deste xeito, destacou que o período medio de pago está en 23 días, por debaixo do prazo legal establecido que é de 30 días. 

MELLORA DOS ACCESOS AO POLÍGONO DO MILLADOIRO

O primeiro dos puntos que debateu a Corporación municipal foi sobre a aprobación do proxecto técnico de mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros do grupo de goberno, do grupo municipal popular e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, mentres que o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose. 

Cómpre lembrar que para executar este proxecto o Concello de Ames recibiu unha axuda da Xunta de Galicia de 68.593,43 euros. O importe total desta actuación ascende a 85.741,79 euros, polo que o importe subvencionado é do 80%, mentres que o 20% restante será sufragado polo Concello.

A actuación consiste na mellora do viario de acceso ao polígono industrial do Milladoiro dende a estrada de Ventín a Coira. Este viario ten unha lonxitude de 370 metros e unha anchura media de 5,5 metros. A súa capa de rodaxe atópase degradada debido ao intenso tráfico que circula en dirección ao parque empresarial desta localidade. Pola marxe dereita de dito viario executarase unha cuneta de seguridade, revestida de formigón de 365 metros de lonxitude e 1,5 metros de anchura con canalización de augas pluviais. Deste xeito aumentarase a seguridade viaria, tapando a cuneta que actualmente está en terra e que ten gran profundidade.

Tamén se acondicionará, por esta mesma marxe, un sobreancho de xeito que se alcance unha anchura total de 6 metros (carrís de 3+3 metros) na capa de rodadura. O firme no sobreancho consistirá en 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de grava con rega semiprofunda. Na calzada actual procederase a reparar as fochancas existentes con grava e rega semiprofunda e corrixirase o peralte da curva do punto quilométrico 0+200 cunha cuña de aglomerado de 6 centímetros de espesor medio. Finalmente procederase a estender unha capa de aglomerado de 6 centímetros de espesor en toda a calzada. Para evitar a contaminación con terras da estrada procederase ao afirmado con grava e tripla rega dos tres entronques existentes ao comezo da actuación.

Debido á execución desta obra a Corporación municipal tamén tivo que aprobar a modificación do anexo de investimentos do orzamento municipal de 2019. Este punto tamén saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, do grupo municipal popular e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, mentres que o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose. 

Por outra banda, aprobouse por unanimidade da Corporación municipal a autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada de Pilar Martínez Jiménez, María del Carmen Giadáns Dopazo e Amaury Quintero Consuegra. 

INDEMNIZACIÓN PARA ASISTENCIAS ÁS SESIÓN DE ÓRGANOS COMPLEMENTARIOSI

Outro dos puntos que se abordou foi a aprobación de indemnizacións por asistencias ás sesións de órganos complementarios para os concelleiros sen dedicación exclusiva ou con dedicación parcial. A proposta que se aprobou recolle o abono de 100 euros por cada sesión da Xunta de voceiros e 75 euros por cada sesión da Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros do grupo de goberno. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular votaron en contra mentres, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstivéronse.

Ademais, tratouse a aprobación inicial da modificación da base de execución 41 do orzamento municipal para adaptala aos acordos do pleno de organización, celebrado o pasado 2 de xullo, no que se modificaron as contías das asistencias ás sesións de pleno e as asistencias ás Xuntas de Goberno Local. Este punto, ao igual que o anterior, foi aprobado co voto a favor dos concelleiros do grupo de goberno. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular votaron en contra mentres, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstivéronse.

Comentarios
Lo más