100 nenos amesáns participaron no campus de fútbol organizado pola Real Federación Española de Fútbol

100 nenos amesáns participaron no campus de fútbol organizado pola Real Federación Española de Fútbol
100 nenos amesáns participaron no campus de fútbol organizado pola Real Federación Española de Fútbol

A dito acto acudiron a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, e o equipo técnico (adestradores, monitores e coordinadores) que impartiu as clases durante o campus

O salón de actos do CEIP de Ventín acolleu o pasado domingo, 28 de xullo, o acto de clausura do campus da Real Federación Española de Fútbol, que se desenvolveu no concello de Ames entre o 14 e o 28 de xullo. A dito acto acudiron a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, e o equipo técnico (adestradores, monitores e coordinadores) que impartiu as clases durante o campus. O campus, que se realizou por primeira vez en Ames, desenvolveuse en dúas quendas: a primeira do 14 ao 20 e a segunda do 21 ao 28 de xullo. 

Por primeira vez Ames foi sede este verán dun dos campus que organiza a Real Federación Española de Fútbol en Galicia. Ademais, na comunidade galega realízase este campus nos concellos de Cedeira e Cerceda. Esta actividade desenvolveuse no campo de fútbol municipal do Milladoiro. O campus estivo destinado a nenos e nenas de entre 8 e 17 anos. Os usuarios participaron tanto en avaliacións técnico-tácticas como de aptitudes físicas, así como en diversos torneos entre os propios grupos de traballo como con equipos doutros campus. 

O campus celebrouse en dúas quendas, divididas nas modalidades interna e externa. A primeira quenda desenvolveuse entre o 14 e o 20 de xullo para as nenas e nenos que participaron na modalidade interna e do 15 ao 19 de xullo para aqueles/as que o fixeron na externa. Nesta primeira semana participaron 44 nenos/as na modalidade externa e 4 na modalidade interna.

A segunda quenda tivo lugar entre o 21 e o 27 de xullo para a modalidade interna e do 22 ao 26 para a externa. Nesta segunda semana a participación foi de 44 nenos/as na modalidade externa e 5 na modalidade interna. Esta iniciativa busca que o contacto entre os profesionais da RFEF e as rapazas e rapaces se converta nunha experiencia que incremente a motivación dos participantes para a práctica do fútbol.

PLAN DE TRABALLO DO CAMPUS

O plan de traballo combinou a ensinanza deportiva técnico-táctica coa práctica da educación extradeportiva mediante a transmisión de valores como a convivencia, a cooperación, a amizade, ou a tolerancia, a través do xogo en equipo. Para elo, ao longo do campus fomentouse a aprendizaxe, mediante un sistema de adestramento global a través do xogo, así como a toma de decisións, enfocada á maduración e á autonomía persoal dos participantes. Así mesmo, durante as distintas xornadas non só se practicou fútbol, senón tamén outras actividades como o baloncesto, voleibol, xogos de mesa, videoxogos, excursións á piscina municipal do Milladoiro e distintas saídas en grupo. 

A clausura do campus de Ames realizouse o pasado domingo, 28 de xullo, no salón de actos do CEIP de Ventín. En dito acto participaron a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, e o equipo técnico (adestradores, monitores e coordinadores) que impartiu as clases durante o campus. Durante a clausura púxose un vídeo resumen de todas as actividades que se fixeron durante as dúas semanas do campus. Ademais, os coordinadores do campus e un dos técnicos explicaron o traballo feito no campus.  

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradeceulle á Real Federación Española de Fútbol por elixir Ames como sede para desenvolver o seu campus. “Agardamos que sigades confiando neste concello en vindeiros anos. Tamén teño que agradecerlle as familias por anotar aos seus fillos/as neste campus, xa que os rapaces e rapazas, ademais de aprender técnicas deportivas e divertirse, aprenderon valores como o respecto, a convivencia, a amizade e o compañeirismo. Estes valores estiveron presentes en cada unha das actividades que se desenvolveron. Por último, quero darlle as grazas tamén a todo o persoal que dalgunha maneira colaborou para que este campus se puidese levar a cabo”.

Comentarios
Lo más