O Pino celebra durante esta fin de semana a Festa do Galo Piñeiro

O Pino celebra durante esta fin de semana a Festa do Galo Piñeiro
O Pino celebra durante esta fin de semana a Festa do Galo Piñeiro

O Pino prepárase para recibir esta fin de semana a milleiros de persoas cun programa que inclúe tamén Feira Celta e Mostra Cabalar

O Concello de O Pino xa ten todo preparado para acoller a milleiros de persoas na súa XX Festa do Galo Piñeiro. Todo o mundo está convidado a pasar tres divertidos días no municipio da man da Feira Celta, que comeza o venres, a Festa do Galo Piñeiro, con eira de galos e galiñas vivas sábad oe domingo, e a tradicional Mostra Cabalar, que pechará esta fin de semana de troula. O domingo, o xornalista da TVG Terio Carrera será o pregoeiro desta vixésima edición da Festa do Galo, que volve incluír o tradicional xantar popular. 

Fai xa 20 anos dende que Manuel Taboada decidiu apostar pola exaltación gastronómica e a recuperación do galo piñeiro, unha raza autóctona da comarca de Arzúa. Desde entón, o Concello de O Pino reserva a primeira fin de semana de agosto para celebrar a Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar á que se lle sumou fai unha década a Feira Celta. Deste xeito  os vindeiros días 2,3 e 4 de agosto O Pedrouzo acollerá multitude de actividades para toda a familia co obxectivo de promocionar esta especie e axudar a recuperar a raza.

O pistoletazo de saída desta troula daráo este venres a Feira Celta, que recreará costumes e tradicións dos pobos ancestros a través de espectáculos, xogos e exposicións, entre moitas outras actividades, durante toda a fin de semana. O sábado comezará a Feira de Galos e Galiñas vivas, que se extenderá durante dúas xornadas como novidade desta XX Festa do Galo PIñeiro. A Mostra Cabalar chegará o domingo con 17 categorías de competición diferentes, entre as que se repartirán ao redor de 4.000 euros en premios. Ese mesmo día, Terio Carrera será o encargado de dar o pregón da festa xusto antes de que os asistentes degusten galo piñeiro no aclamado xantar popular.

FEIRA CELTA

O XI Mercado celta de O Pino abrirá as súas portas o venres ás 18.00 horas e contará con espectáculos de maxia, lume, pasarrúas, contacontos, títeres e recreacións durante os seus 3 días de duración. Nesta fin de semana os asistentes poderán gozar dun tiovido mitolóxico, de xogos antigos, oficios de antaño, dunha ludoteca e de multitude de actividades máis coma o tiro con arco ou a exposición de aves rapaces. Os tres días de Feira Celta, o mercado pechará ás 22.30 horas cun Espectáculo de Lume.

FEIRA DE GALOS E GALIÑAS VIVAS

O sábado os asistentes á Feria Celta poderán visitar tamén a exposición de galos e galiñas piñeiras vivas, que comezará ás 10.00 horas e na que os criadores poderán inscribir os seus exemplares en calquera das sete categorías a partir das 9.30 horas. Os premios repartiranse o domingo ás 14.30 hroas, xusto antes da sesión vermú e despois da degustación gratuíta de Galo que estará habilitada nos postos da festa.

Outra das novidades deste ano é que no concurso de galos e galiñas piñeiras non se entregarán premios en metálico. Dende a Asociación de Galiña Piñeira, que colabora estreitamente co Concello de O Pino, na organización deste concurso, consideraron máis axeitado entregar diplomas acreditativos aos mellores exemplares desta raza, para a que Concello e Asociación lle seguen pedindo á Consellería de Medio Rural a declaración de raza autóctona de Galicia.

XANTAR POPULAR E DEGUSTACIÓN

Todo aquel que se achegue a O Pino esta fin de semana poderá completar a súa experiencia asistindo ao pregón que dará Terio Carrera (o domingo ás 14.00 horas), á sesión vermú amenizada polo pasarrúas de zancudos e malabaristas que estará amenizada pola cantante Ruth Cundins e EME Music, e ao xantar popular, no que o galo piñeiro será protagonista tamén no menú. Os interesados en participar neste xentar poden comprar os seus tickets nos diferentes locais do municipio o no stand que o Concello de O Pino terá aberto na praza de Forcarei durante a fin de semana. 

A  troula non rematará aquí xa que á tarde do domingo continuará co espectáculo “A maxia no camiño”, a cargo da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, e na que participarán o Mago Antón, Mago Richard e Kiko Pastur.

XX MOSTRA CABALAR

O domingo, mentres uns participan na Feira Celta ou na Festa do Galo Piñeiro, outros poderán admirar os centos de cabalos e égoas participantes nos diferentes concursos da Mostra Cabalar, que durante todo o día se disputará a partir das 10.00 horas nos arredores da praza de Forcarei. Todo aquel que estea interesado en participar poderá inscribirse no lugar de celebración a partir das 9.30 horas.

En total, esta edición do concurso repartirá ao redor de 4.000 euros en premios nas 17 categorías organizadas, entre as que destaca o galardón especial FAÍSCA ao mellor cabalo ou éoga de pura raza española nado e criado en Galicia, que protagonizará a cartelería da XXI Mostra Cabalar. 

A xornada pechará co espectáculo ecuestre “Único” a cargo da Escuela de Equitación El Centauro, de Valladolid, que deleitará aos alí presentes con pases de marcha, capotes e saltos, entre outras moitas habilidades ecuestres.

Comentarios