Máis de 1.000 kilos de pementos para celebrar a XLI edición da Festa do Pemento de Herbón

Máis de 1.000 kilos de pementos para celebrar a XLI edición da Festa do Pemento de Herbón
Máis de 1.000 kilos de pementos para celebrar a XLI edición da Festa do Pemento de Herbón

O pregón correrá a cargo do director de Cope Galicia, Javier Maroño, e a comisión organizadora distinguirá ao pintor Masito Beiró e ao historiador Manuel Garrido

A carballeira do convento da parroquia padronesa de Herbón acollerá este sábado a celebración da súa XLI Festa do Pemento, declarada de Interese Turístico de Galicia e na que a comisión organizadora preparará máis de 1.000 kilogramos de pementos fritidos, que se repartirán nunhas 3.000 racións.

A programación de actividades comezará ás 9.00 horas cun tradicional pasarrúas a cargo do grupo de gaitas "Os Mersenarios" e da charanga "DGT". A continuación, ás 10.30 horas está programada unha misa campestre e ás 11.00 horas inaugurarase a festa, dando paso ás 11.30 horas á tradicional procesión agrícola motorizada, cuxos tractores participantes visitarán "totalmente engalanados" as rúas do centro de Padrón antes de voltar á carballeira do convento.

Para as 13.30 horas está programada a exaltación do pemento, que comezará co pregón do director de Cope Galicia, Javier Maroño, e incluirá a entrega de distincións por parte da comisión organizadora ao pintor padronés Masito Beiró, que colaborou coa Festa do Pemento en múltiples ocasións coa autoría do cartel, e ao historiador e experto no Xacobeo Manuel Garrido, que é "un gran promotor de Padrón e dos pementos de Herbón", tal e como testemuñou na guía de Padrón que publicou recentemente.

Trala entrega destes recoñecementos chegará a degustación dos pementos fritidos, que serán preparados por sete veciños/as da parroquia en 14 sarténs industriais. Esta sesión vermú será amenizada polo Grupo Unión y Fuerza e posteriormente polo grupo de gaitas "Os Mersenarios". Pola noite, a verbena celebrarase no campo de fútbol de Herbón coa presenza de Unión y Fuerza e a orquestra Ciclomanía.

Previamente, a festa dinamizarase con diferentes actividades infantís: un obradoiro de gafas, o espectáculo "A maxia do bo trato" e unha "biblioteca lila". Ademais, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) de Padrón, nesta edición ubicarase na contorna da romaría un Punto Lila de información sobre as agresións sexistas.

Comentarios