Tapia acolle hoxe o XXXIV Descenso do Tambre

Tapia acolle hoxe o XXXIV Descenso do Tambre
Tapia acolle hoxe o XXXIV Descenso do Tambre

O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organiza esta competición que chega á súa trixésimo cuarta edición

A praia fluvial de Tapia será escenario hoxe domingo, 11 de agosto, da XXXIV edición do Descenso do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organiza esta competición que chega á súa trixésimo cuarta edición. A proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, realizarase ás 16:00 horas, mentres que a proba de circuíto na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil desenvolverase a partir das 17:00 horas na praia fluvial de Tapia. As embarcacións que poden participar nesta proba son K-1 e C-1.

A contorna da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van trinta e catro, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organiza o xa tradicional descenso do Tambre. Esta proba está dividida en dúas partes. Ás 16:00 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames), e as 17.00 horas terá lugar o circuíto, no que participarán as categorías benxamín, alevín e infantil.

No descenso do Tambre participarán padexeiros correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, júnior e cadete), kaiak muller (sénior, júnior e cadete) e canoa home (sénior, júnior e cadete). A partir das 16:00 horas desenvolverase a segunda parte do evento. Na proba de circuíto, que se realizará na propia praia fluvial de Tapia, poderán participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil con embarcacións K-1 e C-1. O devandito circuíto contará cunha distancia dun quilómetro e medio.

Unha vez finalizadas todas as probas farase a entrega de premios, que está previsto que comece a partir das 20.00 horas. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados tanto do descenso coma do circuíto da praia fluvial. A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España, así como a aqueles deportistas que cumpran a normativa de afiliación establecida pola Federación galega ou española de piragüismo (temporada 2019). A xornada rematará despois dos pinchos, que se ofrecerán aos participantes e os seus acompañantes.

Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2019 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. Cada club poderá inscribir en cada proba o número de embarcacións e padexeiros que consideren, sen límites. As inscricións poderán realizarse mediante a aplicación web da Federación Galega de Piragüismo antes do martes 6 de agosto.

Comentarios
Lo más