Ames e Espina & Delfín promoven a facturación sen papel no servizo de auga

Ames e Espina & Delfín promoven a facturación sen papel no servizo de auga
Ames e Espina & Delfín promoven a facturación sen papel no servizo de auga

Se todos os habitantes do concello se pasan ao recibo dixital, anualmente deixaranse de emitir 2,36 toneladas de CO2, de talar 13 árbores e de consumir 255.000 litros de auga

O Concello de Ames e Espina & Delfín, empresa xestora do ciclo da auga, veñen de lanzar unha campaña para promover a facturación sen papel no servizo municipal de abastecemento e saneamento. O obxectivo é concienciar a todos os habitantes do municipio dos beneficios para o medio ambiente asociados ao sistema do recibo dixital.

Dos 17.643 abonados que ten o servizo de augas de Ames, só 896, un 5,1 % do total, son usuarios da facturación electrónica. É dicir, 16.747 clientes aínda reciben nos seus fogares e negocios trimestralmente, dentro do correspondente sobre, cadansúa folla de gasto.

Isto implica un consumo anual conxunto de 787 quilos de papel, aproximadamente, un volume en cuxa produción, grosso modo, se consumen 255.000 litros de auga, se emiten 2,36 toneladas de dióxido de carbono e se talan 13 árbores. Estes datos figuran no reverso do recibo que nos próximos días chegará aos domicilios dos abonados..

A esta campaña conxunta de promoción da facturación sen papel téñense referido nas últimas horas tanto o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, como Rosa Blanca Rodríguez, administradora solidaria de Espina & Delfín. “É moi importante que os e as usuarias deste servizo se conciencien da importancia do uso da facturación sen papel, polo enorme beneficio medioambiental que supón e polo aforro que ocasiona”, manifestou o edil, quen engadiu: “Esta é unha aposta moi importante que facemos desde o Concello de Ames conxuntamente coa empresa Espina & Delfín, coa que colaboramos xa noutras campaña de sensibilización, como pode ser a que fixemos sobre o mal uso das toalliñas”.

“Traballar da man do Concello de Ames pola sostibilidade do noso entorno -dixo Rosa Blanca Rodríguez- é unha honra. Viñámolo facendo na xestión do ciclo da auga, aplicando criterios de eficiencia, e agora estendemos esa colaboración en pro dun menor consumo de papel”.

Comentarios