Mozos de 3 países e 7 comunidades autónomas, no campo de traballo do Castro de Socastro

Mozos de 3 países e 7 comunidades autónomas, no campo de traballo do Castro de Socastro
Mozos de 3 países e 7 comunidades autónomas, no campo de traballo do Castro de Socastro

Ovidio Rodeiro e Ramón Tojo destacan o intercambio cultural e de convivencia que favorece esta actividade

Un grupo de 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes de México, Francia, Italia e sete comunidades autónomas españolas participan no campo de traballo do Castro de Socastro, realizando tarefas de catalogación e limpeza do recinto, xunto a outras actividades lúdicas que lles permitirán coñecer diferentes lugares de Galicia e a nosa cultura.

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o tenente de alcalde, Manuel dos Santos, visitaron o campo de traballo e estiveron departindo durante uns minutos con participantes. Ambos os dous mandatarios destacaron a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar o intercambio cultural e a convivencia. “Estades axudando a poñer en valor a riqueza patrimonial de Rois, e a coñecer un pouco máis as nosas costumes”, indicou Ramón Tojo, quen animou aos mozos e mozas a difundir nos seus lugares de orixe a riqueza cultural e paisaxística de Galicia.

Pola súa banda, Ovidio Rodeiro resaltou que Galicia é a zona de Europa que oferta máis prazas en campos de traballo, que permiten tamén a mozos e mozas galegas coñecer outras zonas, porque son prazas de intercambio. “Este tipo de actividades van encamiñadas a favorecer a convivencia, a participación e a tolerancia e solidariedade entre a xuventude a través da realización de labores voluntarias en actuacións de interese social. Ofrecen unha maneira diferente de pasar algúns días da época estival prestando un servizo á sociedade e fomentando o intercambio cultural”, indicou Rodeiro.

No campo de traballo do Castro de Socastro están a participar mozos procedentes de México, Italia e Francia, e das provincias de Alicante, Málaga, Salamanca, Álava, Asturias, Zaragoza, Murcia, Cantabria e A Coruña. Incorporáronse o pasado venres, día 2, polo que durante esta fin de semana puideron gozar na festa do pemento de Herbón e na romaría vikinga de Catoira, coñecendo un pouco máis a cultura galega.

O director do campo, Iago Pérez, e o arqueólogo David Fernández, estiveron explicándolle as autoridades o traballo que van a desenvolver o mozos ata o vindeiro día 13, cando rematará actividade. Hoxe estaban facendo tarefas de recuperación da entrada do castro e van continuar coa limpeza do acceso ata a aldea de Socastro.

Ademais de darlles información aos mozos do que se leva feito e o que significa este castro, “queremos continuar recuperando e descubrindo espazos do castro que non son accesibles para que se poidan visitar”, explicaba o arqueólogo David Fernández. “Queremos incidir en que se conserven todos os elementos de interese do castro, para que se poida seguir gozando deles en anos vindeiros, e conservar elementos tan importantes como a entrada e a muralla principal do recinto”, engadiu.

Tarefas que os participantes complementan coa escavación, prácticas de limpado, siglado, rexistro e debuxo arqueolóxico do recinto, ademais de con outras actividades culturais, obradoiros de cerámica e de música galega, así como asistir ás festas tradicionais e a visitas guiadas polos concellos limítrofes.

O castro de Socastro está configurado por un recinto principal de planta oval cunhas dimensións de 125 por 85 metros, delimitado por un parapeto de terreo que apenas sobresae 1 metro desde a superficie interior e que cae entre 3 a 5 metros ao exterior. Este castro é visible dende todas as montañas que rodean a conca fluvial do río Valeirón, polo que os arqueólogos que dirixen a escavación pensan que este centro sería a acrópole máis importante da comarca.

Os restos dunha casa, co tellado colapsado no interior e o chan de terra batida, construída sobre outra casa da época romana, fai pensar que este castro estivo habitado de forma continuada ata o século IV despois de Cristo, o que da unha idea da importancia do traballo que o Concello de Rois ven promovendo dende hai dez anos para poñer en valor este enclave celta e potenciar, deste xeito, o patrimonio do municipio. Neste castro, que estivo habitado durante uns 600 anos, puideron chegar a vivir ata 400 persoas, en opinión de David Fernández.

Comentarios