Arranca o XII DesOrdes Creativas

Arranca o XII DesOrdes Creativas
Arranca o XII DesOrdes Creativas

Ata o vindeiro día 11 Ordes acolle a artistas urbanos da talla de Daniel Muñoz ‘SAN’, Twee Muizen, Alegría del Prado, Artez ou Leandro Barea. Ademais o vindeiro sábado terá lugar unha nova entrega do DesOrdes Sonoras

Dende onte estase a desenvolver na vila de Ordes a XII edición do festival de arte urbana DesOrdes Creativas. Ata o vindeiro 11 de agosto un bo número de artistas urbanos plasmarán as súas obras en diferentes espazos públicos, contribuíndo así a transformar a localidade de Ordes nun museo ao aire libre.

Concretamente os nomes propios que participan nesta nova cita son: Daniel Muñoz ‘SAN’ (Extremadura), Twee Muizen (Galicia), Alegría del Prado (México/Burgos), Artez (Serbia) e Leandro Barea (Galicia).

Ademais das intervencións creativas ealizadas por estes artistas o programa inclúe outros actos como o concerto a cargo de Néboa e a sesión live painting con TEBO o mércores ás 21 horas na alameda. O venres Yoseba MP ofrecerá unha master class de retrato rápido.

O sábado haberá un roteiro guiado polos distintos murais situados en Ordes. A saída do grupo está posta para as 18 horas dende a mesma alameda.

Paralelamente tamén o sábado, 10 de agosto, terán lugar o DesOrdes Sonoras, unha cita musical na que os concertos e sesións musicais sucederanse en distintos momentos do día. A primeira actuación arrancará ás 13 horas cunha sesión vermú amenizada por Sekone DJ Set. O prato forte terá lugar a partir das 21.30 horas cun cartel no que figuran High Paw, Agoraphobia, Ortiga e, novamente, Sekone DJ Set. Coma sempre o punto de encontro será o parque da Constitución, lugar ao que calquera se poderá achegar para desfrutar de todo isto de balde. Este mesmo día Sekone realizará en vivo e exhibirá un mural no mesmo escenario que se instalará para a ocasión.

DesOrdes Creativas é unha cita na que traballan de forma conxunta o Concello de Ordes, Deputación da Coruña e Mutante Creativo. Ademais cóntase coa colaboración de empresas como Proa ou Oloxam Hune.

Comentarios