Membros da Plataforma veciñal Mina Touro-Pino Non reuníronse cos grupos políticos do concello de Santiago

Membros da Plataforma veciñal Mina Touro-Pino Non reuníronse cos grupos políticos do concello de Santiago
Membros da Plataforma veciñal Mina Touro-Pino Non reuníronse cos grupos políticos do concello de Santiago

A todos eles se lles fixo chegar de primeira man as afeccións do proxecto, os impactos que, de saír adiante, tería na saúde, no medio natural, no patrimonio e no medio socioeconómico

Membros da Plataforma veciñal Mina Touro-Pino Non, reuníronse cos grupos políticos presentes no concello compostelano tras as últimas eleccións municipais. As reunións tiveron lugar tanto con membros da actual corporación municipal (coa concelleira de medioambiente Mila Castro e a de urbanismo Mercedes Rosón), como con Martiño Noriega de Compostela aberta e con Goretti Sanmartín do BNG.

A todos eles se lles fixo chegar de primeira man as afeccións do proxecto, os impactos que, de saír adiante, tería na saúde, no medio natural, no patrimonio e no medio socioeconómico. E aproveitando a presenza na cidade da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, fíxoselle chegar, moi brevemente, a loita da plataforma.

Un proxecto, actualmente en trámite, para a reapertura e ampliación da mina de cobre a ceo aberto nos nosos concellos, presentado o 25 de agosto de 2017 pola empresa Cobre San Rafael. Cando están a piques de cumprirse os dous anos en tramitación, e a pesares das notorias eivas, carencias na documentación e impactos que puxeron de relevo distintos informes elaborados por diferente departamentos da Xunta e por outros organismos e expertos, a Xunta aínda non resolveu negativamente. 

Este proxecto non goza de aceptación social, e foron moitos concellos tanto da contorna como ata a desembocadura do Ulla, na Ría de Arousa, que se posicionaron en contra do mesmo. Entre eles está o de Santiago de Compostela, no pleno do 21 de decembro de 2017. Daquela votaron en contra os grupos políticos municipais Compostela Aberta, BNG e PSOE e abstívose o PP. Tanto na anterior lexislatura coma nesta, os tres grupos que se posicionaron en contra representan a unha porcentaxe de poboación moi maioritaria.

Esa empatía e solidaridade da cidade coa nosa loita tamén se puxo de manifesto na gran afluencia á manifestación do 10 de xuño do ano pasado, que logrou encher o Obradoiro. E recórdana cada día as pancartas que locen na entrada da Alameda e na Praza de Abastos.

Comentarios
Lo más