Éxito de participación na Ruta dos Tres Pazos

Éxito de participación na Ruta dos Tres Pazos
Éxito de participación na Ruta dos Tres Pazos

Un total de 53 persoas gozaron da paisaxe e do patrimonio natural, arquitectónico e etnográfico de Negreira nos 15,5 Km de ruta guiadas polo persoal da área de turismo

O sábado 3 de agosto de 2019 tivo lugar a primeira das rutas programadas no Verán no Tambre 2019, que organizan os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña.

Un total de 53 persoas gozaron da paisaxe e do patrimonio natural, arquitectónico e etnográfico de Negreira nos 15,5 Km de ruta guiadas polo persoal da área de turismo. Ás 09:00 horas partiron do campo da feira, onde atoparon o Pazo do Cotón e a Capela de San Amaro, divididos pola carreira de San Amaro, antigo Camiño real, e ao mesmo tempo unidos pola tripla arcada que sostén a galería superior.

O camiño levounos polo paseo fluvial do río Barcala, variante alternativa moi recomendable para os peregrinos que saen de Negreira cara Fisterra e Muxía. O Barcala, un dos principais afluentes do río Tambre, conducíunos ao refuxio de Covas, histórico lugar de refuxio para os pescadores que se achegaban ao lugar, e hoxe convertido nunha paraxe única para desconectar do mundo urbano. Saíron do río Barcala para achegarse ao Albariña e pasar polo complexo lúdico-deportivo de Pedra Mámoa, bordearon os límites entre A Baña e Negreira e entraron na subida ao monte Bergando, principal desnivel de toda a ruta.

Despois de chegar á zona máis elevada do traxecto, comezaron a descender cara a pequena aldea de Fontemirón, ollaron ao lonxe Portor e continuaron a baixar por unha carballeira de lendas e historias ata chegar a Ponte Maceira. O Pazo de Balandrón, a Ponte Vella, a capela de San Brais, os muíños, cruceiros, hórreos e pombais e, en xeral, todo o conxunto histórico artístico que forma este núcleo namora aos visitantes de por vida.

A continuación, seguiron o Camiño ao paso dos peregrinos que leváronos cara a Barca e Chancela para atopar o Pazo de Albariña co seu impoñente recinto; entraron na vila de Negreira e remataron a xornada coa sombra das árbores do paseo da Restreva ata o lugar de inicio.

O programa Verán no Tambre 2019 completarase coas rutas do Remuíño, o 10 de agosto dende Portomouro (Val do Dubra), e da Ribeira do Tambre, o 17 de agosto dende a área recreativa de Fiopáns (A Baña).

Comentarios