Reúnese a Comisión paritaria do Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames

Reúnese a Comisión paritaria do Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames
Reúnese a Comisión paritaria do Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames

Deste xeito, reuniuse a comisión do Fondo de Acción Social e maila comisión das bolsas de traballo


O pasado martes, 6 de agosto, o goberno municipal reuniuse cos delegados sindicais do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal para abordar diferentes temas de persoal. Deste xeito, reuniuse a comisión do Fondo de Acción Social e maila comisión das bolsas de traballo. Ademais, por primeira vez dende a aprobación, no pleno ordinario do mes de abril, do Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, reuniuse a Comisión paritaria do Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames.

O desenvolvemento dos procesos selectivos de estabilización, recollidos na Oferta de Emprego Público aprobada en decembro de 2018, materializarase a través da respectivas convocatorias e bases específicas reguladoras, que deberán adecuarse aos criterios fixados no Plan de estabilización do emprego temporal no Concello de Ames, aprobado no pleno ordinario de abril deste ano, así como no Acordo para a Estabilización, e cumprir, en todo caso, cos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e publicidade. Todos este proceso deberá ser obxecto de tratamento e negociación no seo da Comisión Paritaria de seguimento, interpretación e aplicación do Acordo para a Estabilización do Emprego Temporal no Concello de Ames.

Deste xeito, este martes 7 de agosto, reuniuse por primeira vez dende a aprobación do Plan de estabilización, a Comisión paritaria, co obxectivo de establecer un plan de traballo para establecer as convocatorias que se publicaran en 2019. Tal e como establece o Plan de estabilización as convocatorias a realizar en cada anualidade deberán ser fixadas, como máximo, no mes de decembro do ano anterior, agás as convocatorias de 2019 que deberán quedar fixadas antes de finais do mes de setembro de 2019.

Dende a parte sindical solicitouse prudencia ante as posibles variacións normativas que poidan producirse nos vindeiros meses. Así, acordouse ir traballando nas convocatorias de 2019, que teñen que quedar fixadas antes do 30 de setembro, independentemente das posibles variacións normativas que poida haber. No caso de que se abran novas vías normativas acordouse exploralas e negociar, de ser o caso, todas aquelas posibilidades. Tamén se abordou a posibilidade de publicar unha nova Oferta de Emprego Público 2019 na que se inclúan prazas de promoción interna e aquelas outras necesarias.

FONDO DE ACCIÓN SOCIAL

Por outra banda, reuniuse a comisión do Fondo de Acción Social, na que se tratou o caso dun/dunha traballador en excedencia por coidado dun familiar con enfermidade grave que solicitou axudas do FAS. O regulamento establece que os beneficiarios son o persoal ao servizo do concello. Acordouse que se non existe impedimento legal se lle concedan as axudas solicitadas e que quede establecido no propio regulamento en que casos excepcionais o persoal que non estivese en activo podería optar a estas axudas. O goberno municipal adiantou que comezará a traballar nun novo borrador do Regulamento, de cara a incluír este tipo de casuísticas, así como outros condicionantes que teñen lugar.

BOLSAS DE TRABALLO

Por último, reuniuse a comisión das bolsas de traballo na que se tratou a cobertura dunha baixa na cociña dunha das escolas infantís municipais. Todas as persoas que están incluídas na bolsa de traballo están traballando na actualidade, polo que se autorizou utilizar a bolsa de PSX de escolas infantís. A bolsa de traballo de cociña é unha das máis recentes, xa que foi aprobada no 2018, e o feito de que todas as persoas que estaban en lista de agarda estean traballando na actualidade, deriva na necesidade de facer unha revisión do regulamento deste tipo de bolsas, para acadar un proceso mais dinámico e sinxelo. Así, o departamento de persoal presentará as deficiencias que vai atopando no regulamento de bolsas de traballo e unha proposta de cambios para mellorar a súa xestión, co obxecto de, se fose necesario, iniciar a súa modificación, previa negociación.

O novo concelleiro de Persoal, Víctor Fernández, trasladou o seu agradecemento aos representantes sindicais en cada un dos asuntos a tratar pola predisposición de acordo existente e informou que “nos vindeiros meses poñerase en marcha o plan de formación municipal que dea complemento aos xa existentes noutras Administracións, así como a posta en marcha dunha demandada promoción interna que durante anos non se sacou”.

Comentarios