Padrón acolleu unha nova actividade do programa "O teu Xacobeo"

Padrón acolleu unha nova actividade do programa "O teu Xacobeo"
Padrón acolleu unha nova actividade do programa "O teu Xacobeo"

Trátase dunha das 352 actividades de dinamización propostas por empresas, particulares ou concellos para difundir os valores do Camiño por toda Galicia

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, destacou onte a “gran participación” dos galegos na programación do vindeiro Ano Santo a través da iniciativa O teu Xacobeo, a convocatoria de proxectos aberta pola Xunta a toda a sociedade cun investimento total de 4,7 millóns de euros e que propiciará a posta en marcha de 352 iniciativas de dinamización en toda Galicia como antesala desta celebración. 

Precisamente, Cecilia Pereira participou onte nunha visita teatralizada polas rúas de Padrón e a área de Santiaguiño do Monte incluída dentro da programación de O Teu Xacobeo. A actividade, na que participaron preto de 50 persoas, a meirande parte rapaces de entre 5 e 12 anos, correu a cargo do actor Suso Martínez, que estivo caracterizado de Atanasio, o discípulo de Santiago que trouxo a Galicia o corpo sen vida do seu maestro e que narrou en primeira persoa este episodio. 

A comisaria do Xacobeo 21 resaltou que esta actividade é un exemplo do “carácter participativo” do vindeiro Ano Santo ao tratarse dun proxecto proposto polo Concello de Padrón e incluído na programación de O teu Xacobeo. Precisamente, este programa inclúe máis de 350 proxectos propostos por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro, dos que máis dun cento terán lugar ata o remate do verán por toda a xeografía galega difundindo os valores do Camiño de Santiago.

Neste sentido, Cecilia Pereira incidiu na necesidade de facer do próximo Xacobeo 21 un evento “descentralizado”, estendendo a súa influencia a toda Galicia, e no que a cidadanía sexa “protagonista”, favorecendo a súa participación. 

MÁIS DUN CENTO DE ACTIVIDADES ESTE VERÁN

A visita teatralizada polas rúas da vila coruñesa enmárcase dentro do proxecto Padrón, o berce do Camiño, a iniciativa cofinanciada ao abeiro de O teu Xacobeo co obxectivo de poñer de relevo o patrimonio e a importancia deste concello no Camiño de Santiago. 

Ademais desta actividade, o proxecto inclúe outras dúas iniciativas. A primeira delas consiste na creación dunha aplicación web baseada en mapas interactivos con información sobre o patrimonio cultural inmaterial asociado ao Camiño de Santiago a Padrón e que se publicará na web do Concello. A segunda inclúe a realización deste tramo da Ruta Xacobea coa presenza dun guía durante todo o percorrido.

Esta será unha das máis de cen actividades que a Xunta impulsará este verán no marco de O teu Xacobeo. As diferentes propostas reflicten unha gran variedade. Desde as audiencias ás que van destinadas: público xeral, mocidade e infancia ou colectivos especialmente sensibles que precisan maior visibilidade; ata as temáticas: eventos sociais, culturais, deportivos ou que potencian a riqueza patrimonial do Xacobeo 21. Outro dos obxectivos do programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños, que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda a nosa Comunidade, especialmente en municipios do rural. 

Comentarios