SD Compostela e Victoria FC asinan un acordo de colaboración

SD Compostela e Victoria FC asinan un acordo de colaboración
SD Compostela e Victoria FC asinan un acordo de colaboración

Os clubs masculino e feminino máis representativos da cidade fomentarán o fútbol na comarca

A Sociedade Deportiva Compostela e o Victoria Fútbol Club asinaron un acordo de colaboración para as próximas dúas tempadas 2019-20 e 2020-21. Os clubs masculino e feminino máis representativos da cidade buscan deste xeito fomentar conxuntamente a práctica e o desenvolvemento do fútbol en toda a comarca.

Coa firma de ambos presidentes, Antonio Quinteiro Canedo e Antonio Martínez Rial, os equipos selan un camiño conxunto no que se traballará o impulso da práctica deportiva entre os máis novos, así como a progresión de futbolistas e técnicos.

Deste xeito, os adestradores e xogadores das categorías inferiores do Victoria FC poderán participar nos programas impulsados pola SD Compostela coas mesmas condicións que os membros da entidade branquiazul. Por tanto, gozarán do mesmo trato, por exemplo, no programa de formación de técnicos, a Compostec, o Clínic ou os Campus de Verán e Nadal.

Ademais, o Compos terá unha opción preferente sobre aqueles xogadores máis destacados das categorías inferiores do Victoria, do mesmo xeito que os segundos contarán con esa alternativa para as xogadoras máis destacadas. Para iso, serán chamados a adestrar eventualmente co outro conxunto para avaliar a súa progresión.

Nestes casos, ambos clubs colaborarán na cesión de xogadores e xogadoras para tentar axudarse mutuamente e cumprir os obxectivos marcados.

Por último, os directivos e membros dos corpos técnicos do Victoria FC poderán asistir de maneira gratuíta aos partidos de liga regular que a SD Compostela dispute no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro.

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto de canteira e de cidade do Compos, o cal busca o crecemento da entidade en ambos ámbitos. O plan iniciado fai dous cursos por Víctor Pazos, coordinador da base, segue deste xeito os pasos marcados desde un principio.

Comentarios
Lo más