Máis de 130 rapaces e rapazas están participando nos cursos de natación e piragüismo

Máis de 130 rapaces e rapazas están participando nos cursos de natación e piragüismo
Máis de 130 rapaces e rapazas están participando nos cursos de natación e piragüismo

Estas actividades desenvólvense nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na praia fluvial de Tapia

O Concello de Ames organizou para os meses de xullo e  agosto cursos de natación e de piragüismo. Estas actividades desenvólvense nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na praia fluvial de Tapia. Este ano inscribíronse 97 nenos e nenas nos cursos de natación de xullo e agosto e 35 nas actividades de piragüismo.

Máis de 130 rapaces e rapazas están participando nos cursos de natación e piragüismo organizados durante os meses de xullo e agosto. Durante o mes de xullo un total e 47 rapaces e rapazas (32 no Milladoiro e 15 en Bertamiráns) participaron nos curso de natación que se impartiron nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, mentres que durante o mes de agosto están participando 50 usuarios/as (35 no Milladoiro e 15 en Bertamiráns). 

Ademais de gozar da auga, os rapaces e rapazas aprenden a nadar ou perfeccionar o seu estilo. O programa está dedicado a ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións do verán. Deste xeito, tamén aprenden a practicar un deporte novo. Os cursos están organizados pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña.

Ademais, estanse impartindo cursos de iniciación ao piragüismo na praia fluvial de Tapia. Nesta actividade están participando 35 usuario/as de entre 7 e 14 anos. Durante este mes de agosto as clases impártense os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 a 17:30 horas. Os rapaces e rapazas que participan nesta iniciativa poden iniciarse ou perfeccionar a súa técnica. Esta actividade está sendo impartida polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Por outra banda, cómpre lembrar que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público xeral desde mediados do mes de xuño. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns é de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura é de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios hai servizo de vixilancia e socorrismo. Estas instalacións estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro.

Comentarios
Lo más