Día grande da Santa María en Ordes

Día grande da Santa María en Ordes
Concello de Ordes
Día grande da Santa María en Ordes

Ordes honrou á Santa María nunha xornada marcada pola festa e a celebración. Xa desde ben cedo os gaiteiros e grupos folclóricos anunciaban cos seus pasacalles que hoxe era o día da patroa do lugar

A devoción e veneración chegou coa misa solemne e, moi especialmente, coa procesión na que a imaxe da Santa percorreu a arteria principal de vila, a avenida Alfonso Senra. Como manda a tradición o alcalde de Ordes e o seu equipo de Goberno, así como outros membros da corporación municipal, participaron nestes actos. A diversión continuou despois cos gaiteiros e cabezudos da Asociación Cultural Espadana e coa Banda de Música Cultural de Teo. Pero quen deverdade fixo bailar a todos e a todas os que se achegaron á sesión vermú foi a orquestra Trovadores.

Xa de cara a esta noite Los Satélites, e novamente Trovadores, serán quenes animen a quen se achegue á alameda de Ordes. Antes, a iso das 23.45 horas, haberá un espectáculo pirotécnico no parque infantil Félix Rodríguez de la Fuente.

O programa de mañá venres, día de San Roque, ten como punto de maior interese a homenaxe que dende o Concello de Ordes se lle rende aos emigrantes. Na misa das 13 horas Dolores Carrera Viqueira representará a toda a diáspora. Inmediatamente despois terá lugar a ofrenda floral ante o monumento ao emigrante. As orquestras Principal e Combo Dominicano completan o cartel deste día.

O III Festival Son de Ordes pechará as festas patronais de Ordes o vindeiro sábado. Susana Seivane e a Orquestra Mondragón con Javier Gurruchaga serán os pratos fortes deste día. As actuacións darán comezo ás 22.30 e ás 0.30 horas respectivamente. Paralelamente a todos estes actos o parque da Constitución acolle

unha feira de artesanía na que, ademais de poder mercar todo tipo de obxectos e agasallos, tamén se poden degustar, por exemplo, unhas deliciosas filloas con rixóns.

As persoas que queiran colaborar coas festas facendo unha aportación económica poden ingresar os cartos na seguinte conta da Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes: ES34-0238-8188-2506-0105-1240. 

Comentarios