O BNG relanzará "unha axenda galega" ante a ausencia da voz galega no "PP, PSOE e Podemos"

O BNG relanzará "unha axenda galega" ante a ausencia da voz galega no "PP, PSOE e Podemos"
O BNG relanzará "unha axenda galega" ante a ausencia da voz galega no "PP, PSOE e Podemos"

Luís Bará culpa a PP, PSOE e Podemos da parálise na política do Estado que prexudica a Galiza e cualifica de “choromiqueira” a reclamación do pago de 700 millóns de euros do presidente Feijóo

O deputado do BNG, Luís Bará anunciou que, ante o comezo dun novo curso político, o BNG relanzará “unha axenda galega” centrada nun novo financiamento, transferencias de infraestruturas, investimentos e demandas en materia de memoria histórica.

Para o deputado do BNG, “Galicia está ausente” no panorama político estatal e dos partidos e sucursais galegas do “PP, PSOE e Podemos”. Esta situación fai necesario que Galicia teña unha voz propia e sen ataduras que a defenda en Madrid como fixo o BNG durante moitos anos.

Bará denunciou a postura “choromiqueira e pusilánime da Xunta e de Feijóo” ante o goberno central coa reclamación de 700 millóns de euros, mentres que durante o goberno do Partido popular, “Feijóo puña a outra meixela” e non reclamaba nin un financiamento xusto nin os investimentos que precisaba Galicia. O BNG, afirmou, pídelle ao PP e PSOE que lle planten cara ao goberno do estado ante o desprezo continuado ao noso país e “deixen de intercambiar os papeis” con fines electoralistas.

AXENDA GALEGA

O deputado avanzou a “axenda galega” que defenderá o BNG no novo curso político ante o goberno central na que priorizará: un novo sistema de financiamento máis xusto para Galicia, investimentos e infraestruturas ante o “apagón inversor”, polo que Galicia debe ser compensada con 2.500 M€, unha tarifa eléctrica galega e unha tarifa á industria electrointesiva, as transferencias pendentes como foi acordado no Parlamento galego, a anulación da prorroga de ENCE e as demandas en materia de memoria histórica coa devolución de todos os bens roubados pola familia Franco. O parlamentario sumou a estas reivindicacións, a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral.

PAGO DE PEAXES EN AUTOVÍAS

Sobre este extremo manifestou a “rotunda oposición” do BNG” á intención do Goberno do Estado de establecer pagos nas autovías. Segundo Bará, o anunciou responde á necesidade de tapar “o burato” producido pola gratuidade das autoestradas liberalizadas e o rescate das “ruinosas radiais madrileñas”. O BNG non aceptará esta “chantaxe” que coincide ademais coa “estafa” do macronegocio da autoestrada AP-9. Os galegos e galegas, recalcou, xa levamos pagado cos nosos impostos estes buratos. A AP-9, “esa caixa rexistradora”, explicou o nacionalista, leva recadados 3.000 M€ dos que 1.000 foron beneficios para a concesionaria e segundo o Ministerio de Fomento hai unha previsión de recadar entre os anos 2019 a 2040, 14.556 millóns de euros dos que 5.000 millóns serán tamén beneficios para a empresa concesionaria.

O BNG, anunciou Bará, rexistrará iniciativas contra a proposta de novas peaxes nas autovías de competencia estatal e exixiremos “a transferencia da AP-9” paralizada pola situación da actual política estatal.

GALICIA AUSENTE NO PANORAMA POLÍTICO ESTATAL

En comparecencia ante os medios de comunicación, Bará manifestou a indignación ante o “bloqueo e parálise” da política española e culpabilizou de “grave irresponsabilidade” a todos os partidos desta situación que está a prexudicar a Galicia. Para o deputado, os partidos estatais están convertendo a política “nun taboleiro de xogo” con intereses electoralistas.

O parlamentario do BNG lamentou algunhas declaracións realizadas por destacados membros de partidos políticos do estado sobre o “drama humano” das persoas refuxiadas. O BNG, dixo, quere manifestar o seu rexeitamento a todo ese tipo de pronunciamentos de dirixentes políticos de dereitas de España e do resto de Europa. “Isto non é unha partida de mus” e o presidente do Goberno en funcións, non está á altura e mesmo parecede que fai seguidismo do “fascismo europeo personificado por Salvini”.

Comentarios