Ordes pon en marcha a partir de hoxe o programa Cultura e Deporte na Rúa

Ordes pon en marcha a partir de hoxe o programa Cultura e Deporte na Rúa
Ordes pon en marcha a partir de hoxe o programa Cultura e Deporte na Rúa

Ao longo das vindeiras semanas haberá espectáculos de circo, monicreques, clown e sesións de astronomía por distintas parroquias do municipio

O Concello de Ordes ten preparado un novo programa de ocio de cara ás vindeiras semanas de verán. Dende hoxe martes, día 20, Cultura e Deporte na Rúa achegará de xeito gratuíto circo, acrobacias e sesións de astronomía, monicreques e deporte. 

Un ano máis O Camiño das Estrelas facilitaralle ao público de Ordes o contacto e coñecemento das estrelas, a lúa, os satélites e planetas da man de auténticos profesionais. Os días 20 e 20 ás 22 horas as sesións terán lugar en Buscás (local social) e Poulo (xunto ao albergue de peregrinos), mentres que o 4 de setembro será ás 21.30 horas en Barbeiros (local social). Nesta iniciativa colaboran Xacobeo 21, Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela e o Observatorio Astronómico José María Ayer.

O 23 de agosto haberá espectáculo de circo. Cía Vaya inclúe acrobacias, danza e teatro xestual. Será a partir das 20 horas na alameda de Ordes. 

O 30 de agosto será a quenda para o clown con Bambolina, da compañía Barafunda. Novamente a cita está posta para as 20 horas na alameda de Ordes.

O 6 de setembro Xanela Maxín ofrecerá un entretidísimo espectáculo de monicreques baixo o título Títeres Musicontos, o cal dará comezo ás 19 horas na alameda. En caso de chuvia todas estas actuacións trasladaranse ao auditorio da Casa da Cultura.

Para pechar o mes de setembro o día 13, por segundo ano consecutivo, o Concello de Ordes celebrará o Día do Deporte. Será no Campo da Feira dende as 16.30 ata as 20.30 horas. Nenos, nenas e persoas adultas poderán practicar todo tipo de modalidades asesorados polos membros das distintas asociacións e clubs existentes no municipio. En caso de mal tempo a actividade trasladarase ao pavillón Campomaior.

Comentarios