Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas Brincadeiras Miudiñas

Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas Brincadeiras Miudiñas
Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas Brincadeiras Miudiñas

 Así, o xogueteiro estará os días 28 de agosto e 4 de setembro no Milladoiro e os días 29 de agosto e 5 de setembro en Bertamiráns, en horario de 18.00 a 20.00 horas

A través do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, nas que un inquedo xogueteiro irá guiando aos nenos e nenas no mundo dos xogos e os xoguetes miudiños a través de rimas, música, baile e manualidades. Así, o xogueteiro estará os días 28 de agosto e 4 de setembro no Milladoiro e os días 29 de agosto e 5 de setembro en Bertamiráns, en horario de 18.00 a 20.00 horas. Este é o segundo ano consecutivo que se realiza esta actividade durante a época estival no concello de Ames.

Trátase de catro sesións distintas e independentes dirixidas a un público infantil a partir de 2 anos, nas que se recuperará a rúa e a natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade dos máis cativos e cativas, ao tempo que nos axudará a descubrir outras formas de brincar sen necesidade de mercar sofisticados aparellos. Xirarán en torno á música, aos xogos tradicionais e a obradoiros de creación libre de xoguetes con materiais naturais.

Cé Orquestra Pantasma dará un paso máis aló na súa personaxe para meterse na pel dun feirante xogueteiro que entre rimas, música e baile, iranos engaiolando cara un mundo marabilloso: o mundo dos xogos e xoguetes miudiños. No Xogueteiro combínase un primeiro momento de música e baile seguido dun espazo de xogo con brinquedos tradicionais. Pequenos e maiores compartirán momentos máxicos, bailando e xogando con brinquedos clásicos como zancos, aros, a ferradura, tiracoios ou construcións.

Tamén haberá un espazo para brincar con material natural non estruturado e descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza (pólas, liscos de madeira, pedras, cana…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para os cativos e cativas. Ademais, nos obradoiros de creación libre de brinquedos, os e as participantes poderán realizar bonecos, vehículos… a partir de diferentes elementos naturais, como poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do país, follaco de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro ou sobreira.

As xornadas pretenden fomentar a creatividade nos nenos e nenas apostando por unha crianza respectuosa e sostible e promovendo a socialización en lingua galega e o achegamento á natureza e ao xogo libre. Para iso a recuperarase a rúa e a natureza como espazos para xogar, coñeceremos novas formas de xogo e xoguetes tradicionais e mesmo haberá pequenos obradoiros para construír brinquedos con materiais que podemos atopar na natureza (paos, pedras, follas…) ou que temos nas nosas casas. Todo isto mesturado coa música e cos contos de Cé Orquestra Pantasma.



Comentarios
Lo más