A Xunta e a Fegamp colaborarán para coordinar a ordenación sobre pisos turísticos en Galicia

A Xunta e a Fegamp colaborarán para coordinar a ordenación sobre pisos turísticos en Galicia
A Xunta e a Fegamp colaborarán para coordinar a ordenación sobre pisos turísticos en Galicia

Os concellos contarán con directrices comúns para exercer as súas competencias nesta tipoloxía de aloxamento xa regulada con eficacia en Galicia

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaron hoxe avanzar na elaboración dunhas directrices comúns para que os concellos galegos poidan exercer dun xeito efectivo as súas competencias na ordenación das vivendas de uso turístico. Así o anunciaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, tras unha xuntanza na que tamén participou a directora de Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e na que todos coincidiron na importancia de seguir colaborando na ordenación desta tipoloxía de aloxamento, regulada con eficacia en Galicia desde 2017.

O titular de Turismo do Goberno autonómico subliñou que estas directrices comúns facilitarán o exercicio das competencias que as entidades locais teñen en relación con esta modalidade de aloxamento e entre as que figura, entre outras, a posibilidade de establecer limitacións no que respecta ao número máximo de vivendas de uso turístico por edificio ou sector, regulando os usos a través dos seus Plans Xerais de Ordenación Municipal.

Ademais, por parte do Goberno galego, Román Rodríguez anunciou que a Xunta ten previsto desenvolver un sistema para “medir con maior exactitude” o alcance desta actividade, e concretou que o seu departamento estuda tamén a posta en marcha de mecanismos que permitan seguir facilitando aos usuarios a correcta identificación da oferta dispoñible coas máximas garantías.

PUBLICIDADE E TRANSPARENCIA

Por unha banda, a Xunta impulsará ferramentas normativas orientadas á publicidade das vivendas de uso turístico, de maneira que deban identificarse co seu código de rexistro nas plataformas onde se promocionen ou comercialicen. Con esta medida, dáse un paso máis na redución do intrusismo, freando a oferta ilegal e ofrecendo seguridade aos clientes.

Ao mesmo tempo, o Goberno galego promoverá a necesidade de que os propietarios subministren información referente á ocupación, a fin de dispor de información real e fidedigna da súa carga turística e por razón de seguridade e protección legal tanto do usuario como dos propios propietarios. A Xunta adopta esta decisión toda vez que a nivel estatal non se estableceu ata o momento ningún sistema oficial que permita calibrar o desenvolvemento desta actividade, pois o Instituto Nacional da Estatística (INE) non contabiliza nos seus estudos e enquisas a información deste tipo de establecementos.

9.000 VIVENDAS DE 1,6 MILLÓNS

O conselleiro de Cultura e Turismo lembrou que o marco legal aprobado en Galicia no ano 2017 permitiu neste tempo regular 8.845 vivendas de uso turístico, o que supón “unha pequena parte do parque de vivendas da Comunidade” que, segundo o último censo realizado polo INE, superaba os 1,6 millóns de vivendas, 300.000 delas baleiras. Con todo, lembrou a necesidade de avanzar na “cooperación interadministrativa” co fin de seguir realizando avances na ordenación desta tipoloxía, na que os inmobles poden alternar en distintos momentos o uso turístico e o uso residencial.

Neste sentido, Román Rodríguez aproveitou para volver reclamar ao Goberno central o establecemento dun marco normativo estatal que harmonice o labor das comunidades autónomas. Isto permitiría, asegurou, dotar aos distintos territorios dunha maior “seguridade xurídica” e avanzar na unificación de criterios que permitan dar unha resposta común “a unha realidade dinámica e en constante evolución”, como a que amosa este sector.

Trátase dunha medida que beneficiaría tanto aos propietarios que comercializan a súa vivenda cun fin turístico, como aos clientes interesados nesta opción de aloxamento, un fenómeno que experimentou nos últimos anos un auxe a nivel internacional.

O responsable de Cultura e Turismo lembrou que o Goberno galego leva tempo formulando esta demanda e lamentou que a falta de mecanismos por parte da Administración central impida “coñecer en detalle” a realidade das vivendas de uso turístico nas distintas autonomías. De feito, apuntou que os únicos datos sobre esta modalidade de aloxamento dos que dispón a Executivo autonómico son os que ofrece o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), impulsado pola Xunta para dar transparencia a esta actividade e que agora prevé ampliar co desenvolvemento de novas ferramentas.

INFLUENCIA NO SECTOR TURÍSTICO

No referente á influencia das vivendas de uso turístico dentro do sector, Román Rodríguez explicou que en Galicia “existe unha correcta convivencia” coas demais tipoloxías de aloxamento, grazas en boa medida ao regulamento posto en marcha no 2017. Mostra desa convivencia son os bos datos do sector turístico da Comunidade no primeiro semestre deste ano, no que Galicia superou por primeira vez a cifra dos dous millóns de viaxeiros e logrou situarse como a autonomía española cun maior crecemento turístico.

Segundo eses datos, rexistrouse un aumento no volume de viaxeiros en todas as tipoloxías de aloxamento turístico que existían previamente (hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings ou turismo rural), ao tempo que melloraron a súa rendibilidade empresarial acadando cifras históricas. 

Comentarios
Lo más