Ana Miranda insta á CE a vixiar a protección dos espazos incluídos na Rede Natura como a illa de Sálvora

Ana Miranda insta á CE a vixiar a protección dos espazos incluídos na Rede Natura como a illa de Sálvora
Ana Miranda insta á CE a vixiar a protección dos espazos incluídos na Rede Natura como a illa de Sálvora

O BNG denuncia que a acumulación de verquidos pon en perigo a riqueza medioambiental e pesqueira do contorno de Sálvora

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera moi preocupante a situación dos espazos incluídos na Rede Natura, como o caso do contorno da illa de Sálvora, polo que insta á Comisión Europea a vixiar o cumprimento das directrices comunitarias en materia medioambiental e ao respecto da Directiva Marco da Auga.

“O perigo que corre a illa de Sálvora, unha área mariña protexida, é un claro exemplo do desleixo das administracións cos diferentes espazos que temos en Galicia de gran riqueza ecolóxica, pesqueira e marisqueira”, salienta Miranda, quen denuncia que tanto a Xunta como o goberno central autorizan o verquido de residuos de forma continuada neses espazos en lugar de protexelos.

“Como é posible que en vinte anos as administracións galegas e estatal permitan acumular un monte de lodo e áridos de 25 metros de altura nunha área mariña protexida a só dúas millas da franxa de protección de Sálvora?”, engade a portavoz do BNG en Europa, quen afirma que “é hora de poñer fin a esta situación tan prexudicial”.

REPERCUSIÓNS ECONÓMICAS

Segundo destaca Ana Miranda “estamos diante dunha total irresponsabilidade non só desde o punto de vista medioambiental, senón tamén económico”, xa que están en xogo centos de postos de traballo do sector marisqueiro, pesqueiro e turístico dun espazo tan produtivo como a proximidade de Sálvora. Así o teñen denunciado en diversas ocasións tanto a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa como o BNG de Ribeira.

Dada esta situación, para Miranda é “indispensable” a actuación da Comisión Europea. “Tanto neste como noutros casos sabemos que a única esperanza está nas decisións que se adopten en Bruxelas”, manifesta Miranda, lembrando que a Comisión de Peticións reabriu a denuncia sobre a Ría do Burgo e a Ría de Vigo e posibilitou a comparecencia dos representantes da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e o patrón maior da Confraría da Coruña para explicar a falta de saneamento integral destes espazos.

“Desde o BNG opoñémonos a que Sálvora ou calquera outro punto do noso país, sexa ría ou río, se convertan nun vertedoiro”, subliña Ana Miranda, quen avanza que a loita polo saneamento das augas e o cumprimento da Directiva Marco da Auga será unha das liñas de actuación da vindeira lexislatura.

Comentarios
Lo más