Atopan o home desaparecido o sábado na Estrada

Atopan o home desaparecido o sábado na Estrada
Atopan o home desaparecido o sábado na Estrada

Unha persoa particular foi quen, ao fío das 10:00 horas, chamou ao 112 para indicar que acababa de ver a un home en Ponte Ulla

Axentes da Garda Civil confirmaron esta mañá ao 112 Galicia que o home atopado hoxe moi preto da Ponte Ulla, no concello coruñés de Vedra, é a mesma persoa que leva desaparecida desde o pasado sábado, aínda que foi o domingo cando a súa familia denunciou a súa desaparición.

Unha persoa particular foi quen, ao fío das 10:00 horas, chamou ao 112 para indicar que acababa de ver a un home en Ponte Ulla e que lle parecía que podía tratarse da persoa que se buscaba no concello da Estrada.

A partir de aí, os xestores do 112 pasaron o aviso á Garda Civil, quen desde a súa desaparición coordina o operativo de busca. Tras achegarse ao home, os axentes confirmaron que se trataba da mesma persoa e indicaron que xa estaba sendo trasladada polos servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

No operativo participaron ademais dos axentes, servizos sanitarios, familiares e amigos, a Policía Local, os Bombeiros do Deza e os efectivos do GES e de Protección Civil da localidade e de Caldas. Tamén, o equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a Unidade de Cans da Estrada se sumaron á procura do desaparecido.

Comentarios