Piden que se faga pública a lista de espera dos pacientes do servizo de Cardioloxía do CHUS

Piden que se faga pública a lista de espera dos pacientes do servizo de Cardioloxía do CHUS
Piden que se faga pública a lista de espera dos pacientes do servizo de Cardioloxía do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS critican as últimas declaracións do xefe de servizo de cardioloxía

Recentemente a xerente e o xefe de cardioloxía do CHUS puxeron este servizo como modelo futuro para a área sanitaria de Santiago e, para iso, o xefe de servizo declarou nun xornal local que as demoras existentes no mesmo para a primeira consulta externa non supera os sete días e que iso se logra a través da denominada “consulta de acto único” na que no mesmo día se realizan a consulta e as probas.

"Sen entrar a valorar as bondades que poida ter esta organización das consultas, temos que indicar que as demoras declaradas son rotundamente falsas, dado que tanto os datos publicados polo propio SERGAS como a realidade que coñecemos como pacientes indican claramente que as demoras medias para primeiras consultas no servizo de cardioloxía son catro ou cinco veces superiores aos sete días que fixeron públicos na prensa", asegura a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

Ademais, "creemos que non é tolerable poñer como referente da Sanidade Pública a alguén que, como o xefe de Cardioloxía, basea a xestión e dotación do seu servizo na acción e contribución dunha multinacional (Medtronic Ibérica S.A). Entre esa dotación “cedida”(e que polo tanto sería propiedade de Mectronic Ibérica S.A) estaría, ademais, a implantación de equipos de imaxe moi necesarios para todos os pacientes, e que non deben ser de uso exclusivo dun servizo". Isto representaría, na práctica, aplicar medios humanos e materiais unicamente para unha especialidade mentres hai miles de persoas en listas de espera con demoras moi superiores, quebrando o principio de equidade, un piar básico da Sanidade Pública, e implantando a discriminación na calidade asistencial en función da doenza.

"Consideramos que se está producindo un intento de vender politicamente para a Sanidade Pública o modelo asistencial do servizo de cardioloxía, modelo que se sustenta na asociación coa multinacional Medtronic", asegura a asociación. Para isto, a xerencia do CHUS e o xefe de servizo de cardioloxía están dispostos a "xustificalo con cifras de demoras non verdadeiras e afastadas da realidade e a poñer todos os medios para conseguilo". "Como pacientes e usuarios defensores da Sanidade Pública, todos estes feitos cáusanos fonda preocupación e alarma social que consideramos importante denunciar publicamente", remata a asociación.

Comentarios
Lo más