A XVII Andaina Popular de Ribeira pasará por Corrubedo para celebrar os seus once séculos de historia

A XVII Andaina Popular de Ribeira pasará por Corrubedo para celebrar os seus once séculos de historia
A XVII Andaina Popular de Ribeira pasará por Corrubedo para celebrar os seus once séculos de historia

Arredor de 35 persoas están implicadas na organización da andaina, ademais de Policía Local e Protección Civil

A Andaina Popular Concello de Ribeira celebrará o vindeiro sábado 7 de setembro a súa décimo sétima edición cun percorrido de 50 kilómetros coa fin de amosar aos participantes algúns dos enclaves máis fermosos do noso termo municipal.

A concelleira de Deportes, Juana Brión, e Moncho Sampedro en representación da Asociación de Veciños de Carreira, que colabora na organización, foron os encargados de presentar no miradoiro de Pedra da Ra (un dos lugares polo que transita o evento) os detalles desta máis que consolidada actividade, que é valedeira para a Copa Galega de Andainas de 50 Kilómetros e adoita reunir cada ano arredor de 250 participantes.

Como novidade en relación ás últimas convocatorias, o percorrido pasará pola parroquia de Corrubedo en recoñecemento á celebración de 1.100 anos de historia dende a primeira referencia escrita a este topónimo. Os andaríns sairán 9 horas do complexo da Fieiteira, para dirixirse ata o miradoiro da Garita, Carreiriña, praia do Castro, porto de Aguiño, peirao fenicio da Cobasa, Couso, praias do Vilar e Ladeira ata chegar ao porto e ao faro de Corrubedo. Dende alí, proseguirán pola praia de Espiñeirido, Olveira, senda fluvial do río Sanchanás, Castro da Cidá, miradoiro de Pedra da Ra, parque periurbano de San Roque e regreso ao complexo da Fieiteira.

PERCORRIDOS ALTERNATIVOS

Haberá outros tres percorridos alternativos de 20, 30 e 40 kilómetros, aproximadamente, para satisfacer a todos aqueles que consideren excesivo para as súas forzas a distancia de 50.000 metros.

As inscricións están abertas e pódense formalizar ou ben na páxina web do Concello (www.riveira.gal) ou accedendo directamente á plataforma www.emesports.es. O prezo é de 14 euros para as persoas federadas e 16 euros para as non federadas. A partir do 3 de setembro, o importe elevarase ata os 25 euros, o mesmo nas dúas modalidades. O límite é o xoves 5 de setembro.

Arredor de 35 persoas están implicadas na organización da andaina, ademais de Policía Local e Protección Civil. Moncho Sampedro resaltou que a actividade sole captar a atención de afeccionados chegados de numerosos puntos da xeografía galega, en tanto que Juana Brión animou á veciñanza a que se anote para así disfrutar dos moitos atractivos naturais que temos no municipio.

Comentarios
Lo más