Danza, teatro e música entre a mocidade no campamento xuvenil Espiñeira de Boiro

Danza, teatro e música entre a mocidade no campamento xuvenil Espiñeira de Boiro
Danza, teatro e música entre a mocidade no campamento xuvenil Espiñeira de Boiro

Ata 400 nenas e nenos, en distintas quendas, desfrutaron de múltiples actividades este verán en Espiñeira

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse esta semana a dúas localidades da Comarca do Barbanza nas que se desenvolven actividades enmarcadas na Campaña de Verán 2019 da Xunta de Galicia. Primeiro estivo en Boiro, onde visitou os 100 cativos que están a desfrutar das actividades do campamento xuvenil Espiñeira e, máis tarde, achegouse a Ribeira para coñecer de primeira man as labores medioambientais que están a levar a cabo 20 mozas e mozos no Parque Natural de Corrubedo.

Na visita ao campamento de Boiro, Cristina Pichel, destacou a importancia de que as nenas e nenos se divirtan participando en actividades como a danza e o teatro, posto que é o mellor xeito de achegar a cultura aos máis cativos. Tamén resaltou a importancia de que practiquen deportes e xogos de aventura na natureza, o que é beneficioso para a súa saúde e tamén lles permite facer amizade aprendendo a traballar en equipo. Asegurou que os campamentos como o de Espiñeira, que ofertou 400 prazas repartidas en catro quendas, permiten desfrutar aos cativos dunhas merecidas vacacións e tamén facilitan a conciliación das familias.

Máis tarde, no Parque Natural de Corrubedo, puxo en valor o traballo e esforzo das 20 persoas voluntarias que colaboran realizando labores de mantemento dos espazos naturais, reconstruíndo e consolidando sendeiros, eliminando especies alóctonas e informando e concienciando aos visitantes na necesidade de protexer o medio. Estas mozas e mozos tamén desfrutan de actividades de deportivas, culturais e de ocio, entre as que se pode destacar a navegación pola Ría de Arousa e visita á Illa de Sálvora.

A CAMPAÑA DE VERÁN

A programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas e actividades para maiores de 18 anos. Nestas accións participan mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade e, ademais, este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

A programación estival deste ano incorpora tres novos campamentos dos 21 que ofrece: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Este verán tamén se incrementa o número de campos de voluntariado ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Comentarios
Lo más