O Colexio Pío XII participará o vindeiro curso no programa Educación Responsable

O Colexio Pío XII participará o vindeiro curso no programa Educación Responsable
O Colexio Pío XII participará o vindeiro curso no programa Educación Responsable

O obxectivo da iniciativa, que se realiza en colaboración coa Fundación Botín, é promover a educación emocional

Un total de sete centros de educación infantil e primaria, secundaria e educación especial da provincia da Coruña (18 de toda Galicia) desenvolverán a partir do vindeiro curso a iniciativa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional realiza en colaboración coa Fundación Botín. 

Trátase dunha proposta para tres cursos, co fin de que os centros e os seus docentes desenvolvan o programa formando parte da rede de Centros de Educación Responsable da Comunidade Autónoma Galega, recibindo formación, recursos educativos e seguimento por parte tanto da Consellería como da Fundación.

O obxectivo é promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias, favorecendo a educación emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e académico. Así mesmo, a iniciativa contribúe á mellora do clima de convivencia no centro docente e ao éxito escolar do seu alumnado. No ano académico 19/20 participarán neste programa un total de 52 centros de toda Galicia.

Os centros que se unirán ao programa no curso 2019/20 na provincia da Coruña son o CEIP Pío XII (Santiago de Compostela), o CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), o CEIP Alborada (A Coruña), o CEE Nosa Señora do Rosario (A Coruña), o CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), o CEIP Plurilingüe Virxe do Mar (Narón) e o CEIP Plurilingüe San Xosé de Filgueira (Ferrol).

Educación Responsable desenvolverase nos centros educativos ao longo de tres cursos escolares. O obxectivo do primeiro curso de implantación é que o Equipo de Educación de  Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e social, así como a súa aplicación na aula. 

Na segunda fase de expansión que se desenvolverá no ano académico 2020/21, o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria no marco do seu Proxecto educativo. Con este obxectivo,  os responsables de recursos de Educación Responsable forman ao resto dos docentes programando e aplicando as actividades de forma colaborativa, estendendo así o programa a un maior número de alumnado.

Comentarios