​Brión abre ata o 13 de setembro o prazo de inscrición nas actividades culturais e deportivas

​Brión abre ata o 13 de setembro o prazo de inscrición nas actividades culturais e deportivas
​Brión abre ata o 13 de setembro o prazo de inscrición nas actividades culturais e deportivas

A programación comezará o 1 de outubro e o prazo de inscrición estará aberto ata o 14 de setembro, na Casa da Cultura

O Concello de Brión abre o prazo de inscrición no seu programa de actividades culturais e deportivas para o novo curso 2019-2020. A inscrición nas actividades deberá realizarse de xeito presencial na Casa da Cultura de Brión, en horario de 9:00 a 14:00 horas, antes do próximo 13 de setembro.

O programa de actividades, que darán comezo o día 1 de outubro, inclúe unha vintena de propostas deportivas, culturais e formativas para os nenos e nenas de Brión, así como un amplo abano de actividades deportivas e culturais para adultos. Os prezos mantéñense con respecto ao último lustro, é dicir, 80 euros/ano por actividade coas excepcións do Club Camaleón e o Club de lectura (de balde), Aula de Idiomas (150 euros/ano) e Ioga (120 euros/ano).

O Concello de Brión mantén tamén os descontos establecidos o ano pasado, de xeito que bonificará cun desconto do 50% do custo da actividade nos casos de inscrición nunha segunda actividade. Así mesmo, o Concello de Brión establece bonificacións especiais para as familias, non acumulables coa bonificación anterior. Así, as familias con dous fillos desfrutarán dunha bonificación do 50% en todas as actividades do seu segundo fillo. As familias numerosas contarán cunha bonificación do 100% a partir do terceiro fillo, é dicir, que desfrutarán das actividades de xeito gratuíto.  Finalmente, o Concello permitirá tamén o pago en dúas cotas, que se aboarán nos meses de novembro-decembro e de marzo-abril.

ACTIVIDADES CULTURAIS E DEPORTIVAS

O programa de actividades culturais inclúe dúas propostas. A Biblioteca Municipal de Brión oferta dúas actividades: o club de lectura (actividade mensual dirixida a maiores de 16 anos) e o Club Camaleón (actividade de fomento da lectura dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos en compaña das súas familias). Ambas actividades son gratuítas e a inscrición deberá realizarse na propia biblioteca de Brión a partir do 9 de setembro. No que atinxe á Escola Municipal de Danza e Música Tradicional ofertará tres cursos: Baile galego e Pandeireta (maiores de 4 anos) e Gaita e Percusión (maiores de 6 anos). Cada un dos cursos ten un custo de 80 euros/ano. 

O programa tamén inclúe tres actividades na área de formación e mocidade, que terán lugar no centro social polivalente. A primeira é o curso de iniciación á pintura, dirixido a veciños e veciñas entre 6 e 16 anos. O segundo curso é o de Teatro Infantil e xogo dramático, do que se farán dous grupos de acordo coas idades dos participantes: de 3 a 5 anos e de 8 a 9 anos. Finalmente, o polivalente tamén acollerá as clases de inglés da Aula de Idiomas, dirixidas a nenos e nenas entre 4 e 15 anos. Os prezos son de 80 euros por curso, salvo a Aula de Idiomas que é de 150 euros. 

ESCOLAS DEPORTIVAS

No que atinxe ás actividades deportivas, a oferta do Concello de Brión abrangue actividades para adultos e para menores de 16 anos. Así, as Escolas Deportivas do Concello de Brión inclúen este ano predeporte (de 3 a 6 anos), fútbol sala (de 5 a 13 anos), ximnasia rítmica (de 4 a 16 anos), judo (de 6 a 16 anos), patinaxe (de 5 a 16 anos), fútbol-7 (de 5 a 9 anos), tenis (de 6 a 16 anos) e hockey (de 6 a 16 anos). Todas elas terán un custe de 80 euros anuais. A oferta deportiva para os maiores de 16 anos inclúe tres grupos de ioga, cun prezo anual de 120 euros. 

Comentarios
Lo más